As obras de reurbanización da rúa García Lorca arrancan este luns, tras unha semana de traballos previos. Trátase dunha actuación dun investimento de máis dun millón de euros e cun prazo estimado de 16 meses, «que busca transformar este ámbito urbano nun espazo máis seguro, accesible e funcional, tanto para a veciñanza como para as persoas que visitan a cidade», indican dende o Concello. Durante a primeira fase, que se estenderá ata febreiro de 2026, habilitarase un carril único de circulación en sentido desde a rúa Castelao cara a Irmandiños. Manterase o acceso a autobuses e garaxes, mais restrinxirase o paso a vehículos pesados e prohibirase o estacionamento en todo o ámbito da obra. O tránsito peonil estará garantido mediante pasarelas adaptadas.
Na 2ª fase, que comezará en febreiro de 2026, permitirase o acceso rodado a residentes por tramos, tanto desde Castelao ata Guadalupe como desde Irmandiños ata a praza Celso Emilio Ferreiro. Neste período, cortarase o tráfico na rúa Guadalupe á altura da igrexa, e habilitaranse prazas específicas para os garaxes afectados pola primeira fase. O estacionamento seguirá prohibido en toda a zona. Xa na última fase, prevista para comezar en xuño de 2026, manterase o acceso a residentes entre Castelao e a praza Celso Emilio Ferreiro, establecendo unha dirección obrigatoria desde a rúa Guadalupe cara a Castelao. Garantirase o acceso aos garaxes da praza, aínda que poderán producirse restricións puntuais. Tamén se manterá a prohibición de estacionamento.