P. Cales van a ser as prioridades nestes meses previos as eleccións?
R. O que toca facer agora é organizar todo o proceso electoral. Temos os estatutos en trámite no claustro, pero é moi improbable que os teñamos aprobados e publicados antes das eleccións, polo cal será necesario aprobar unha norma provisional para regular este proceso. Logo teremos que rematar algunhas das actuacións pendentes, que se levarán a cabo nos vindeiros meses. Imos ter que estar participando no debate sobre Medicina e haberá que abrir a negociación sobre o novo plan de financiamento universitario que remata no ano 2026, para que a renovación entre en vigor no 2027. Estas son as cuestións que están agora enriba da mesa, máis alá da xestión ordinaria da Universidade, pero non é o momento de abrir novos grandes proxectos.
P. Que balance fai destas dúas lexislaturas?
R. Sen ningunha dúbida diría que deixamos unha universidade mellor da que nos atopamos no ano 2018. Podo salientar que fixemos un esforzo moi grande en temas de persoal porque a Universidade ten por diante o reto fundamental de dar unha solución axeitada ao relevo xeracional ao estar nun proceso de xubilacións importante, tanto no PDI como no PAS. Por iso, puxemos en marcha unha serie de actuacións como a creación de prazas de inicio da carreira universitaria –de axudantes doutores– e de prazas de estabilización do personal de administración. Por dar un dato, convocáronse máis de 1.300 prazas, o que supón que máis do 70% do PDI concorreu a unha praza nova por incorporación ou por promoción. Iso permitiunos tamén invertir a media de idade, pasando de 55,3 anos a estar hoxe nos 54 anos. Reducíronse as categorías de carácter temporal e temos xa adaptado plenamente o persoal aos requerimentos da LOSU. Despois de universidades cun perfil peculiar como a UNED ou a Ménendez Pelayo, somos a universidade do país con menor porcentaxe de profesorado temporal. No ámbito do PTXAS, tamén se fixo unha aposta moi importante, creando 920 prazas para un total de 1.209 persoas.
P. Ademais do persoal, que máis salientaría?
R. Penso que ten moito valor a boa evolución que estamos tendo de estudantado, tanto no número global de alumnos como dos que acceden por primeira vez á USC, que é moi significativo. Podemos dicir que o último dato de matrícula para o curso que vai empezar o día 8, se ben pode variar ao quedar chamamentos, é de 4.000 persoas en Santiago e 956 en Lugo. Isto ten explicacións como a redefinición do mapa de titulacións e outras novas que se implantaron. Tamén considero que fixemos un esforzo por atender as demandas e as necesidades do estudantado no tema das residencias, cun esforzo por incrementar o número de prazas que sacamos na convocatoria xeral do estudantado. Farían falta máis, pero penso que, comparativamente co alumnado que temos, debemos ser a universidade de España con mellor ratio de sistema de residencias propio da universidade, xestionado e ofertado nestas condicións de favorecer ás persoas con máis necesidades e con tarifas reducidas. Tamén é moi salientable a aposta que se fixo cos bonos comedor, unha convocatoria que atende cada ano ao redor de mil estudantes.
«A idea de que poidera haber unha reitora en Santiago paréceme fenomenal»
P. E o tema de infraestruturas?
R. Son as medidas que levan máis tempo implantar. Afortunadamente, penso que puidemos cumprir un obxectivo que para nós era absolutamente prioritario: dar unha solución á necesidade dunha nova facultade de Farmacia, e estamos a piques de asinar o contrato coa empresa adxudicataria para que antes de que se convoquen as eleccións poidamos poñer esa primeira pedra na facultade. Un proceso longo, pero sen dúbida era a prioridade número 1 en materia de infraestrutura. Logo, hai outras pequenas actuacións de menor intensidade como en Medicina, Química, ou o traslado da Facultade de Formación do Profesorado en Lugo. Tamén está pendente unificar a Facultade de Ciencias da Educación en Santiago. A un gustaríalle que fose todo máis rápido, pero as obras levan tempo e exceden dos prazos máis limitados do mandato.
P. De que se sinte máis orgulloso?
R. No apartado da investigación merece a pena salientar o esforzo que se fixo na súa estruturalización, algo que tamén pasa pola creación de centros ou institutos de investigación. Neste ámbito superouse a fórmula dos grupos e temos que buscar outras máis transversais con solucións globais aos problemas e que sexan capaces de competir a nivel nacional e internacional. Fíxose un esforzo enorme pola creación de centros como o Cispac (Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais), o Instituto de Psicoloxía, o de Humanidades, Lingüística… Os centros de investigación están tendo éxito nas convocatorias da Xunta e a nivel nacional. Merece a pena salientar que xa temos dous centros de investigación recoñecidos como Unidades de Excelencia María de Maeztu, que non é nada habitual no ámbito da universidade española fóra dos grandes núcleos de Madrid, Barcelona e Levante. O IGFAE e o Cimus abren o camiño para que outros moitos vaian por esa senda.
P. Que lle parece que sexan, polo de agora, tres mulleres as candidatas a sustituílo?
R. Aínda non se convocou o proceso, polo que pode haber máis candidatas ou candidatos, pero a idea de que vaia a haber unha reitora na Universidade de Santiago paréceme fenomenal. Tardamos moito, pero finalmente parece que está aí esa posibilidade tan seria, non só porque sexan mulleres, senón por ser altamente calificadas e ter mostrado moito na súa traxectoria de xestión, de investigación, de profesorado, etc.
P. Toca voltar á docencia.
R. Sempre tiven unha forte vocación docente. Disfruto moito da docencia e teño moitas ganas e ilusión de recuperar a rutina da aula.
P. Como vai quedar a Universidade este ano respecto ás xubilacións masivas?
R. Os datos que temos indican que imos na boa dirección. Non é un problema resolto, pero si está encamiñado. Aínda así, a Universidade terá que seguir traballando na mesma liña porque isto non se arranxa cunha actuación que se levou a cabo durante estes últimos anos. Creáronse ao redor de 370 prazas de profesores axudantes e tivemos un éxito notable en convocatorias de axudas para a captación de recursos humanos como o programa Ramón y Cajal ou Atrae. Isto permitiunos reducir a temporalidade no profesorado, a media de idade…
«Somos conscientes do problema de aloxamento na cidade; haberá que pensar alternativas»
P. No 2025 deberíase licitar o novo contrato de seguridade. Hai algún avance?
R. Ao longo destes anos puxéronse ao día contratos importantes como a xestión enerxética ou a internacionalización da limpeza a través da Fundación USC, o que supuxo un aforro dun millón e medio de euros por ano. Quédanos o tema de seguridade e imos ver se somos capaces de pechar pregos e documentación para poder sacar a licitación nun prazo razoable. Podo dicir que xa tomamos a decisión de crear postos para responsables de seguridade da Universidade dentro da propia estrutura, neste caso dependendo da Fundación USC para que os postos non formen parte simplemente da empresa que gañe o concurso. Imos traballar para buscar fórmulas satisfactorias ao que debe ser a seguridade na Universidade, que debe centrarse sobre todo nos edificios e atender a comunidade universitaria, contando coa colaboración das forzas de seguridade.
P. O martes 26 de agosto estaba fixada unha reunión con Obrascon Huarte Laín SA (OHL) para planificar o inicio das obras da Facultade de Farmacia. Cal foi o resultado do encontro?
R. A xuntanza celebrada entre o equipo da xerencia e os responsables da empresa foi moi positiva. O escenario no que estamos traballando, se ben podería haber recursos que retrasaran o proceso, é que se firme o contrato en setembro para empezar as obras e traballos efectivos de construcción o antes posible.
O reitor da USC, Antonio López, durante a entrevista . / Santi Esturao
P. Cal é a situación actual na Facultade de Medicina no referente ás actuacións de mellora que se están levando a cabo?
R. O que se fixo foi concentrar nos meses de verán as tarefas máis incómodas, como son as de demolición, para agora convivir durante o curso cunha serie de traballos que consisten no reforzo estrutural e reforma do hall de entrada, a recuperación da escaleira imperial e instalacións, e o arranxo dos espazos do pavillón da fachada.
P. O actual decano non descartaba unha nova ubicación para a facultade, cal é súa opinión?
R. Díxeno claramente no acto de toma de posesión e xa lle tiña dito a el que tomamos a decisión no seu día de non seguir co proxecto de construción dunha nova facultade de Medicina porque, entre outras cousas, tiña un custo que non podíamos asumir máis alá doutras consideracións que teñen que ver coa conservación dun edificio emblemático da nosa Universidade ou co impacto que iso podería ter na cidade. Estar ubicados na zona vella é positivo. A rehabilitación incorporámola ao plan de actuacións que poidera financiar o Consorcio de Santiago, polo que a ver se conseguimos que se aporten os recursos necesarios. Xa levamos invertidos case catro millóns de euros entre as envolventes, o novo salón de actos, máis o correspondente a esta primeira fase, polo que non sería razoable dar marcha atrás.
P. O Colexio Maior San Clemente está pechado dende o 2022 para realizar unha reforma integral do interior do edificio. Para levala a cabo agardábase por unha axuda enerxética da Xunta que por agora non se resolveu. Vaise seguir esperando pola subvención?
R. Este é un exemplo de que as necesidades que temos sempre son moi superiores aos recursos dos que dispoñemos. Tivemos que facer un gran esforzo financeiro para poder facer realidade a nova facultade de Farmacia e iso compromete o esforzo inversor durante os dous ou tres anos que van durar as obras. Se houbera forma de dispoñer de recursos por outra vía, de contar con outro apoio institucional, estariamos encantados de poder pechar e finalizar as obras e poñer San Clemente ao servizo da comunidade universitaria. Aínda así, estamos facendo todos os esforzos para que iso impacte o mínimo posible na oferta que lle facemos ao estudantando. Buscamos fórmulas alternativas, como que o profesorado e estudantes doutras universidades teñan un espazo reservado na nova residencia de Galeras, para así nós incrementar as prazas en residencias para o noso estudantado ordinario. Con todo, en San Clemente tan só se ofertaban corenta prazas.
P. Tomando como exemplo a residencia de Galeras, poderíase ampliar a oferta para profesorado e persoal invitado con bloques de habitacións noutros espazos?
R. Polo momento fixemos unha primeira convocatoria de 55 prazas só podiamos conseguilas nunha residencia de tamaño grande, pero é certo que temos a idea de poder habilitar fórmulas dun número máis reducido para que calquera das outras residencias que hai na cidade poidan incorporarse.
P. O problema de aloxamento para o alumnado da USC é cada vez máis acuciante. Como se podería minimizar?
R. Somos moi conscientes do problema, pero quero salientar unha vez máis o esforzo que está facendo a Universidade, poñendo un número de prazas en residencias propias a uns prezos que están atendendo á situación económica das persoas. Entre as nosas propias e centros adscritos estamos arredor de 1.800 prazas, un número moi importante. E isto non é en absoluto habitual no sistema universitario español. Tivemos aquí unha visita de representantes de colexios maiores e residencias doutras universidades e ninguén tiña unha fórmula como esta. Moitas veces son xestionadas por fundacións e hai a premisa de que os custos teñen que ser cubertos polos ingresos. Con todo, haberá que sentarse coas administracións e seguir pensando fórmulas alternativas.
«Seguimos pensando que é bo que se manteña unha única titulación de Medicina»
P. O Goberno galego aposta por un plan para descentralizar os estudos de Medicina en Galicia, repartindo o segundo ciclo entre A Coruña, Vigo e Santiago. Que opina ao respecto?
R. Seguimos mantendo o que deciamos antes de escoitar a proposta da Universidade da Coruña de crear unha nova titulación de Medicina. Parécenos que é bo que se manteña unha única titulación para o Sistema Universitario de Galicia. Temos e estamos dando resposta ás demandas da formación de médicos na nosa comunidade. Conseguimos incrementar o número de prazas, das 360 que tiñamos na memoria ás 403 que estamos ofertando agora, respondendo así á Consellería de Sanidade, que di que deberíamos ofrecer entre 300 e 400. Se hai unha única titulación, ten que ser para todo o sistema sanitario galego, e por iso queremos contar con todos os hospitais para a formación dos alumnos. En sexto xa se está facendo e van a Coruña, Vigo, Ourense, Ferrol e Lugo. Pódese seguir avanzando na docencia clínica que abarca cuarto, quinto e máis este sexto curso que xa temos descentralizado. Ademais, debemos poder contar cos profesionais de calquera dos hospitais galegos que estean acreditados para a función docente, para que poidan atender tamén alí os nosos estudantes e ter aí o noso profesorado, sen perxuízo de que poidan colaborar profesores das outras dúas universidades públicas galegas. Esta era a nosa liña argumental antes e seguímola mantendo agora.
P. Está prevista algunha reunión en setembro coas partes implicadas?
R. Tivemos tres reunións entre xuño e xullo, e quedamos en que tras o periodo de vacacións retomariamos as negociacións. Como xa dixen, a proposta na que traballa a Universidade de Santiago é na de avanzar na descentralización. Non estamos convencidos de que segregar titulacións fose a mellor solución.