Asociacións, confrarías, concellos, clubes de fútbol e técnicos unirán forzas para desenvolver o proxecto Reverdecendo a Costa, unha iniciativa do diario dixital Quepasanacosta (QPC) para rexenerar os montes afectados polos lumes este mes en Corme e Ponteceso.
A proposta pretende servir tamén para abrir unha reflexión sobre a xestión dos montes e concienciar sobre a necesidade de mantelos limpos.
Ubaldo Cerqueiro, director de QPC, asegura que un dos obxectivos é recadar fondos, a través de diversos eventos, «aproveitando o poder social e de convocatoria do fútbol da Costa». Ademais, a iniciativa pretende ser «unha homenaxe aos brigadistas, axentes forestais, bombeiros e tractoristas que traballaron arreo».
Por outra banda, o proxecto busca fomentar «a implicación da sociedades na recuperación da comunidade afectada» e quere servir de apoio ás administracións locais e entidades «nas que recae a responsabilidade de recuperación da contorna afectada».
A primeira iniciativa será a disputa dun partido solidario (formato triangular) entre o Corme CF, Ponteceso SD e un combinado de brigadistas vinculados ao fútbol da Costa. Será o día 7 de setembro, a partir das 17.00 horas, no campo municipal do Cairo, na vila cormelá.