O patrimonio volveu ser obxectivo dos vándalos. Sucedeu na tarde do martes en Corme (Ponteceso), cando uns veciños descubriron que varias das representacións do conxunto de petróglifos da Regadiña, que se atopa moi próximo ás vivendas, foran pintadas de cor azul.
Suso Lista, directivo da Asociación Cultural Insua da Viastela e un dos grandes valedores deste patrimonio, deu traslado dos feitos aos responsables da área de Cultura e Patrimonio do Concello de Ponteceso. «Parece mentira que en pleno século XXI haxa xente que pense que hai que pintar os petróglifos», lamenta Lista.
Panel informativo destrozado, ao lado dos petróglifos vandalizados. / Cedida
Cando lle avisaron desprazouse ata a Regadiña e atopouse con sete das figuras coloreadas. «Semella que foran pintadas recentemente, porque aínda manchaba a pintura», subliña.
Lista lembra que tanto el, a título persoal, como a propia A. C. Insua de Viastela, levan anos demandando un plan de protección e posta en valor deste importante patrimonio de Corme, pero «sorprende que nin o Concello nin a Xunta se preocupen do mesmo».
Sete estacións
Asegura que Corme conta con «sete estacións de petróglifos que son auténticas xoias», pero «os paneis informativos que se colocaron anos atrás están esnaquizados, e os conxuntos da aldea de Corme e da Fieiteira están mal sinalizados, e a xente que quere ir a velos acaba perdéndose»
Suso Lista lamenta ademais que non se faga unha promoción e posta en valor deste patrimonio. Sinala que unicamente el, persoalmente, e a referida asociación «estamos a guiar ás persoas interesadas en visitar e coñecer estes petróglifos».

Conxunto de petroglifos da Regadiña, en Corme. / Cedida
Considera que, dende o Concello deberían liderar un plan de posta en valor, promoción e protección destes elementos patrimoniais. Unha medida que, entende, é mais unha cuestión de vontade que de investimento. Polo de pronto, afirma, «habería que repoñer os paneis deteriorados e dotalos de códigos QR para que quenes visiten os petróglifos poidan informarse».