Co obxectivo de demostrar que as Indicacións Xeográficas (IX), entre as que se inclúen as figuras de Denominación de Orixe Protexidas, manteñen o tecido produtivo agrario dos territorios, o investigador da USC Rubén Boga realizou un estudo no que analizou doce casos de producións con este tipo de distintivos arredor do mundo, dende as denominacións de orixe galegas Pemento de Herbón e Queixo do Cebreiro ata exemplos en países como Francia, Eslovenia, Perú e Ecuador.
O traballo titulado como Xeografías críticas dos procesos de construción e de xestión das figuras de Indicación Xeográficas para produtos agroalimentarios realizouno baixo a dirección do profesor do departamento de Xeografía da USC, Valerià Paül.
«A investigación non tratou tanto de demostrar os impactos tanxibles en termos de desenvolvemento rural das producións estudadas, senón de comprender, primeiro, por que os labregos poden querer acollerse a unha Indicación Xeográfica e, segundo, que tipo de factores e dinámicas poden darse para que estas certificacións cumpran de maneira efectiva cos seus propósitos», explica o investigador. O traballo de investigación que deu lugar á súa tese de doutoramento baseouse na aplicación de 104 entrevistas a produtores, responsables políticos e outros perfís, coa fin de recoller de primeira man as experiencias e opinións propias das persoas que fican detrás das IX seleccionadas.
Boga detalla que «polo xeral, as vivencias comunicadas polos labregos e outros actores próximos ás producións analizadas permitiron comprobar a capacidade das Indicacións Xeográficas para manter certas producións arraigadas no territorio, conferindo unha vantaxe de mercado aos produtores rexistrados». No que respecta aos casos galegos, as entrevistas relativas ao Pemento de Herbón e ao Queixo do Cebreiro «revelan de xeito unánime a relevancia que tivo a consecución das súas Indicacións Xeográficas para contrarrestar o declive destas producións, sustentalas no territorio e xerar novas oportunidades económicas a partir delas. Por exemplo, os produtores do Pemento de Herbón procuraban poder distinguir os ‘auténticos’ pementos de Padrón respecto dos producidos en calquera outro lugar. Conseguírono, e grazas a iso, confesan que puideron continuar a vivir desta produción».
O investigador da Universidade de Santiago, Rubén Boga / USC
Deste xeito, demóstrase que as Indicacións Xeográficas resultan útiles tamén para as producións agrarias «máis miúdas».
Con todo, o traballo amosa que existen diferenzas no xeito no que as IX funcionan. «En casos coma o do Pemento de Herbón, temos un produto que xa posuía fama e unha reputación no mercado. Aquí a Indicación Xeográfica representou unha fonte de protección fronte a fraudes que permitiu manter o plus económico do que xa gozaba o produto- En cambio, no caso do queixo do Cebreiro, que non era tan coñecido fóra da súa zona, a Indicación Xeográfica foi útil para promocionar e desenvolver económica e profesionalmente esta produción», sinala Rubén Boga.
Esta investigación demostrou por primeira vez que unha IX pode xerar beneficios económicos tamén para outros produtos similares da mesma zona que non teñen a certificación. «No caso do Queixo do Cebreiro, algunhas queixeiras artesanais non certificadas da contorna recoñeceron iniciar a súa actividade logo da aprobación da IX, grazas a asociarse o seu territorio coa produción dun queixo de calidade», di.
Por último, a tese discute en que medida as IX son quen de contribuír á protección de recursos presentes no territorio. Segundo o autor, «o caso do Pemento de Herbón demostra que nin tan sequera o punto máis básico dunha Indicación Xeográfica, a protección dun nome reputado, se pode dar por sentado; pois esta tivo que aprobarse finalmente baixo o nome de Herbón ―e non Padrón― ante a incapacidade de reverter a apropiación e transfiguración deste último topónimo nun termo xenérico».