A Unión de Cidadáns Independentes (UCIN) escolleu a Álex Regueiro, nado en Santiago de Compostela en 1977, como candidato á Alcaldía de Teo para as municipais de 2027.
Regueiro é un coñecido deseñador e activista LGTBI+ cunha traxectoria que, sinala, combina creación, docencia e defensa do patrimonio cultural galego. Con máis de 35 premios polo seu traballo na recuperación e confección de traxes tradicionais, abriu en 2000 o seu propio taller en Calo (Teo), especializado tamén en pezas de alta costura. Agora, dá o salto á política coa intención de ser «a voz dos veciños», porque «son eles os que saben do que viven e moitas veces non son escoitados».
«Din que non teño un perfil político claro e que non pertenzo ao mundo da política, pero a miña familia vén dese mundo. O meu tataravó foi concelleiro en Ames e o meu avó, alcalde. Por iso, iso de que non estou metido na política é relativo», reflexiona.
Sobre o seu proxecto, Regueiro di: «Eu veño aquí para escoitar, para levar unha voz ao Concello. Preséntome para gañar, non para sacar un cargo ou un posto e meter a ‘patita’. Se podo gobernar, claro que o vou facer». Defende que o Concello debe ser un espazo onde se escoite aos veciños, pois «son eles os que saben moito do que sucede no seu día a día e moitas veces non se lles presta atención».
Tamén reivindica a independencia da súa formación: «O noso partido non ten disciplina de voto nin lle debe nada a ninguén. A min ninguén me vai dicir o que podo ou non podo dicir ou votar».
Entre as súas prioridades, explica, está contribuír a frear proxectos industriais como o da canteira da Casalonga, fomentar a cultura tradicional, reabrir tabernas como espazos de encontro veciñal e promover a cohesión das 13 parroquias coas que conta o Concello de Teo.
«A xente está cansa da política actual»
Regueiro insiste na importancia do diálogo transversal: «Falarei igual con persoas do PP, PSOE ou Bloque. Se unha proposta é boa para os veciños, apoiareina sen importar de quen veña».
Quere formar un equipo de especialistas, «no que existan persoas expertas en cada ámbito que lles toque xestionar», para garantir unha xestión eficaz do Concello. «A xente está cansa da política actual, dos enganos e de que digan que si a todo. Eu veño para escoitar e cambiar iso», conclúe.