A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participou na reunión do consello de administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, que deu conta da adxudicación da redacción dos proxectos para a construción de 129 vivendas de promoción pública na Estrada, Lalín, Teo e A Coruña.
En relación ao concello da Estrada, o consello de Vipugal autorizou a adxudicación á UTE Garitaonaindia-Amenedo o contrato para a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 28 vivendas, na parcela cedida polo municipio, situada na avenida de Vigo. O importe de adxudicación será de 205.666,63 euros con IVE incluído. A estimación do investimento total nesta obra é de 5,3 M€.
No concello de Lalín construiranse 17 vivendas de promoción pública nunha parcela emprazada na Rolda Leste-Agro de Lalín de Arriba. A redacción do proxecto e dirección de obra será adxudicada a Germán Gómez Espejo por importe de 118.580 euros. A estimación do investimento total nesta obra é de 3,3 M€.
Tamén se autorizou a adxudicación da redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 26 vivendas de promoción pública no solo cedido polo concello de Teo na zona das Galanas. Este contrato será adxudicado a Sabin-Blanco Arquitectos S.L.P. por 207.116 euros. A estimación do investimento total nesta obra é de 4,9 M€.
Finalmente, o proxecto para a construción de 58 vivendas na parcela 5D dos Rosais, na Coruña, será adxudicado á UTE Naos 04 Arquitectos-Manuel Vázquez Muíño por 369.050 euros. A estimación do investimento total nesta obra é de 11 M€.
Todos os adxudicatarios disporán de dous meses para a redacción do proxecto básico e tres meses máis para o de execución.