O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Padrón, Ángel Rodríguez Conde, tachou ao alcalde de Padrón, Anxo Arca, de «déspota e irresponsable» por, segundo di, non querer implicarse no cofinanciamento das obras de mellora que precisa o centro de saúde.
O PP defende que, a pesar de que o alcalde é responsable da mellora do edificio, que é de titularidade municipal, prefire «priorizar outros investimentos secundarios, por razóns ideolóxicas e por intereses partidistas e de autobombo».
Por outro lado, Ángel Rodríguez mantivo a semana pasada un encontro no Parlamento co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, para, segundo explicou, interesarse polo ofrecemento de cofinanciar ao 50% un investimento de 258.500 euros no centro de saúde. Ao seu xuízo, «hai 221 alcaldes que cumpren coas súas obrigas de conservación deses inmobles, mentres o alcalde Padrón actúa como un mal pagador que pretende eludir a súa responsabilidade».
Así, Rodríguez Conde pídelle a Anxo Arca que «abandone a demagoxia e a estratexia de confrontación coa Xunta de Galicia» e «faga política desde a seriedade e a responsabilidade», consignando os fondos municipais que sexan necesarios para corrixir as deficiencias do centro sanitario.