A chegada de turistas e, especialmente peregrinos, segue á alza en Galicia. Así o certifican tamén na Oficina Municipal de Información Turística de Arzúa (OITM), que rexistrou no mes de xuño un total de 3.385 visitantes, o que supón o mellor dato mensual dende o inicio da pandemia. O 97% foron peregrinos, principalmente do Camiño Francés, que continúa a ser a vía máis transitada cun 73% do total.
Segundo o informe da OITM, o 61% dos peregrinos comezan a súa ruta en Galicia, mentres que o 39% parten doutras zonas de España ou do estranxeiro. No caso do Camiño Francés, este último grupo acada o 73% dos camiñantes, destacando a presenza na ruta de grupos organizados e escolares.
En contraste, os Camiños do Norte e Primitivo presentan un perfil diferente: o 87% dos peregrinos percorren a ruta completa dende Irún ou Oviedo.
Aumento de cicloturistas
Tamén se observa un aumento sostido de cicloturistas, favorecido pola ruta Eurovelo 3, aínda que moitos non quedan rexistrados ao non pernoctar en Arzúa, que adoita ser un punto de paso na súa última etapa cara Santiago de Compostela.
No ámbito nacional, Madrid (25%), Andalucía (23%), Murcia (15%) e a Comunidade Valenciana (11%) representan o 75% do total de visitantes estatais, atraídos polos bos prezos e o clima suave de Galicia.
Por primeira vez, América supera a Europa como principal orixe dos visitantes internacionais, cun forte incremento de peregrinos procedentes dos Estados Unidos, seguidos de Arxentina, México e Colombia. En Europa destacan Francia, Italia, Alemaña e Reino Unido.
Selar a credencial
As principais consultas realizadas polos camiñantes no OITM foron para selar a credencial (52%), seguidas de peticións de información sobre aloxamentos, restauración e puntos de interese turístico.
«O mes de xuño confirmou a consolidación de Arzúa como como parada clave no Camiño de Santiago, tanto para o público nacional como internacional», subliñan dende o Concello.
Un destino de referencia
Neste contexto, a concelleira de Turismo, Begoña Balado, valorou moi positivamente os datos, asegurando que«a elevada afluencia de visitantes este mes de xuño confirma o papel destacado de Arzúa no Camiño de Santiago. Estamos a consolidarnos como un destino de referencia, tanto para peregrinos nacionais como internacionais, e seguiremos traballando para ofrecer a mellor acollida posible e poñer en valor todo o que Arzúa pode ofrecer».