Oito mozos da Laracha, de entre os 18 e os 30 anos, desfrutan nestes días dunha viaxe de intercambio xuvenil que se está a realizar en Tiflis, a capital de Xeorxia. Partiron o pasado día 8 e regresarán o martes.
O programa, no que tamén participan mozos doutros concellos coruñeses como Rois e Tordoia, está organizado polo Centro de Lengua y Cultura Española Carmen. Comezou cunha recepción oficial no Concello anfitrión e a posterior visita á Universidade coa benvida do encargado de negocios de España en Tiflis. O xoves visitaron a casa museo de Stalin e a localidade de Miskheta, a antiga capital do país. O venres estiveron na rexión de Kazbegi, con visitas aos puntos máis destacados e un descenso en barcas polo río Aragvi, e o sábado visitaron o Museo Nacional de Xeorxia e o Parque Mtastminda.
Onte desfrutaron dunha xornada nas augas termais sulfurosas do Abanotunabi e no barrio de Plekhanov. Este luns terán tempo de lecer. A expedición larachesa conta co acompañamento do tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito.
O Concello aposta por este tipo de programas no verán para «ofrecer á mocidade oportunidades para coñecer outros países, idiomas e culturas, potenciar a mobilidade xuvenil, tender pontes para a cooperación transfonteiriza con outros países, contribuír á construción da cidadanía europea e, tamén, para proxectar A Laracha cara o exterior», afirman.