Dúas presentacións literarias, unha dobre exposición de pintura e o concerto do grupo vocal Eburnie serán os protagonistas nos vindeiros días do Verán Cultural do Concello de Cee.
O martes 15, ás 20.30 horas na Praza da Constitución, a fotógrafa mexicana Eloísa García Guerrero presentará o libro A Costa da Morte. Estará acompañada pola docente Alicia Rodiño, a concelleira de Cultura, Luisa Rodríguez e a alcaldesa, Margot Lamela.
Unha obra que chega ao territorio que inspirou á autora para a súa realización despois da súa primeira visita no ano 2020, e tralas presentacións realizadas en México e Madrid. Trátase dun percorrido visual polo litoral galego desde A Costa da Morte ata as Rías Baixas, acompañado con poemas de María Asunción Cancela.
O xoves 17, ás 20.30 horas tamén na Praza da Constitución, terá lugar a presentación oficial da novela gañadora do Premio Xerais 75 aniversario, O lanzador de coitelos, de Fernando Castro Paredes. Desde ese día xa se poderá adquirir nas librerías este thriller de gran calidade literaria que suma un recoñecemento máis ao currículum do profesor e escritor afincado desde hai moitos anos en Cee.
E o venres 18 chega a Cee unha nova exposición dos pintores Pedro Domingo Fernández e Manuel Quiñoy. Inaugurarase ás 20.30 horas na casa da cultura e poderá verse ata o 31 de xullo, de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas, e os sábados de 12.00 a 14.00 horas. A mostra recolle unha selección de retratos e paisaxes ao óleo nos que predomina o gusto polo detalle e o realismo.
A semana rematará con música. Será o domingo, 20 de xullo na Praza da Constitución a partir das 21.00 horas, cun concerto do grupo Eburnie, que chega desde Costa de Marfil da man da ONG Egueire.