O Concello de Ribeira ofrece este verán catro interesantes propostas de ocio en plena natureza.
Unha delas é a denominada Camiño Mudo, que combina cinema, natureza e arte e que busca transformar as praias de Ribeira en escenarios simbólicos onde a memoria, a natureza e a creatividade se mesturen. Durante o verán proxectaranse películas míticas en seis praias do municipio.
A primeira proxección tivo lugar o pasado día 28 de xuño na illa de Sálvora, na praia do Almacén (a película O neno, de Chaplin) e este sábado foi a da película Nosferatu, de Friedrich Wilhelm Murnau, na praia dos Mosqueiros.
Para estas sesións hai dispoñibles 46 prazas, só para maiores de 18 anos (o resto das funcións non teñen límite de idade).
As seguintes serán o 26 de xullo na praia da Ladeira (Metrópolis, de Fritz Lang); o 30 de agosto na praia Area Basta (Sherlock Jr., de Buster Keaton); o 6 de setembro na praia de Supinal (O home mosca, de Fred C. Newmeyer); e o 20 na praia Area Secada (Acorazado Potemkin, de Serguéi Eisenstein).
Outra das propostas estivais é a denominada Camiño das estrelas, que ofrecerá a posibilidade de aprender a orientarse coas estrelas, identificar constelacións e descubrir as historias escritas no ceo da man dun astrónomo.
As citas serán o 13 de xullo ás 22.30 horas no miradoiro de Couso (Aguiño) e o 24 de agosto á mesma hora no aparcamento da duna de Corrubedo. Os asistentes poderán degustar ademais un chocolante quente.
Un roteiro con Toñito de Poi
A terceira proposta relacionada coa natureza é a denominada Camiño dos mitos e lendas. O 12 de xullo, o músico Toñito de Poi exercerá de guía nun roteiro por lugares cheos de historia, mitos e lendas. O itinerario coñecerano os participantes sobre a marcha. As prazas son limitadas (resérvanse na oficina de Turismo).
E o 12 de setembro, ás 11.00 horas, Espazo Creativo e a Escola de Artes Escénicas Mimarte convidarán a participar nun xogo de rol en vivo no parque natural de Corrubedo en torno á lenda dunha aldea (Valverde) desaparecida baixo as augas da lagoa por unha maldición.
Os participantes converteranse en personaxes nun escenario real no que deberán interactuar, tomar decisións e vivir unha aventura en equipo e en contacto coa natureza. Haberá 30 prazas (faranse cinco grupos) e a actividade durará tres horas.