O catedrático de Análise Matemática Alberto Cabada Fernández tomou onte posesión como decano da Facultade de Matemáticas da USC, nun acto presidido polo reitor Antonio López. O reitor puxo en valor o carácter «emblemático» deste centro compostelán cunha alta demanda e «enorme interese «entre o novo estudantado, atracción que ligou «ao bo traballo que se fai dende o propio centro por prestixiar estes estudos».
Tomando o relevo de Elena Vázquez Cendón o pasado mes de abril, o novo decano dixo asumir o decanato «coa ilusión de seguir facendo medrar a Facultade, con responsabilidade, pero tamén con alegría e confianza no futuro. Porque temos unha comunidade forte, comprometida e apaixonada polas matemáticas».
De cara ao vindeiros seis anos no cargo, Alberto Cabada aludiu aos principais retos de «presente e de futuro», tanto dende o punto de vista das infraestruturas como de carácter organizativo e de planificación. Neste último apartado sinalou o Plan Estratéxico do centro, o desenvolvemento e consolidación do Sistema de Garantía Interno de Calidade ou o futuro novo plan de estudos do Grao en Matemáticas.
O novo equipo decanal xunto co reitor, a secretaría xeral e a exdecana Elena Vázquez Cendón (á dereita). / Santi Alvite
O decano salientou como un dos «sinais de identidade máis claros» da Facultade a aposta decidida polos dobres graos. Na súa opinión, na inmensa maioría dos casos, tanto o grao en Matemáticas como os dobres graos asociados á Facultade «son a primeira opción escollida polo estudantado que os cursa, o que demostra a gran confianza e o alto crédito que a sociedade en xeral, e a galega en particular, deposita en nós.
No relativo á oferta docente, tanto de grao como de mestrado, Alberto Cabada considera que o centro que dirixe conta cunha «estrutura formativa coherente, ambiciosa e altamente recoñecida tanto dentro como fóra de Galicia. Son, sen dúbida, un claro caso de éxito das matemáticas galegas».
Neste apartado o decano aproveitou para falar sobre a desaparición do mestrado en Matemáticas. «Isto provocará, máis pronto que tarde, un descenso na matrícula de alumnado altamente motivado e cualificado, o cal repercutirá negativamente en todas titulacións impartidas no centro e no propio dinamismo investigador», dixo. Fronte esta situación, «dende este decanato seguiremos traballando con determinación para reverter esta situación, convencidos de que a Facultade de Matemáticas debe seguir formación profesionais de excelencia».
Pola súa banda, a profesora Elena Vázquez Cendón fixo un percorrido pola evolución do centro nos últimos anos dende a súa primeira toma de posesión en 2017, agradecendo de xeito particular e detallado a colaboración e o esforzo desenvolvido tanto dende a propia Facultade como dende outras entidades coas que se desenvolven múltiples liñas de colaboración.