Santiago pásalle o relevo a Segovia na presidencia do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, que será efectiva desde hoxe. A urbe segoviana acolleu onte a reunión técnica de traspaso entre a presidenta saínte e alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e José Mazarías, anfitrión da cita e próximo presidente.
Sanmartín salientou no seu balance do último ano «a aprobación do plan estratéxico, a colaboración directa coa Unesco, a presentación da colección de libros das cidades do Grupo, o proxecto para contar cun sistema de medición do retorno das actividades de promoción turística, o impulso dun curso de verán sobre xestión do Patrimonio na Universidade Internacional Menéndez Pelayo e a declaración de Salamanca sobre a preservación do noso patrimonio».
«Un ano moi produtivo»
A alcaldesa engadiu que «foi un ano moi produtivo e intenso, no que o Grupo seguiu afianzando os seus lazos de unión e no que seguimos insistindo en accións internacionais» e pediu «un reforzo desde o punto de vista do conxunto do Estado español para que se coñezan mellor as 15 cidades que formamos parte deste Grupo».
Ademais, indicou que indicou que «queda o reto de intentar converter nunha realidade algo que xa está moi avanzado, que é a exposición na Academia de Roma en colaboración coa Dirección General de Bellas Artes y de Patrimonio e tamén impulsar outras accións, como o legado ao Instituto Cervantes coas declaracións de Patrimonio Mundial de cada cidade».
Próximos desafíos
Pola súa banda, José Mazarías asegurou que «temos un desafío importante durante os próximos doces meses: afianzar a cohesión do Grupo, traballar pola conservación do noso rico patrimonio, e incrementar a colaboración coas distintas administracións, necesaria para o mantemento destes elementos que nos fan contar co recoñecemento da Unesco».
Entre as liñas de acción durante a súa presidencia, José Mazarías tamén inclúe «potenciar a marca común Cidades Patrimonio para acadar unha maior relevancia e presenza entre a cidadanía, á que queremos facer aínda máis partícipe da nosa actividade e aumentar o seu nivel de concienciación sobre a transcendencia do título que ostentamos as 15 cidades e, en definitiva, o fortalecemento do Grupo como entidade».