O Bloque Nacionalista Galego de Brión reuniuse este domingo cos veciños que se achegaron ao local social situado na parroquia dos Ánxeles para explicar a situación que «provocou o pacto» entre PSOE-PP, ademais de denunciar «a deriva» do Concello, que por primeira vez, «optou por prorrogar os orzamentos do ano anterior», subliñan.
Ademais de explicar «o que se sabe deste pacto de goberno», o BNG presentoulles aos veciños unha copia da proposta de pacto que lle trasladaron hai dous anos aos socialistas, para a cal, engaden, «nunca houbo unha resposta oficial».
Os nacionalistas explican que, para poder alcanzar un acordo, entregaronlle aos socialistas un documento onde pedían medidas como a retransmisión dos plenos, orzamentos participativos, presenza de todos os partidos nas mesas de contratación, inventario e catálogo do patrimonio local, defensa dos intereses veciñais ante o proxecto da balsa na Cornada ou a revisión dos servizos subcontratados.
«Durante meses estivéronnos dicindo que a estaban a estudar e agora sorpréndennos dicindo que a rexeitaron por inasumíbel», sinalou o voceiro municipal nacionalista, Xosé Penas. «A realidade, como podedes comprobar, é que só pedimos o que correspondería a un pacto equitativo entre dúas formacións, exactamente coa proporcionalidade en número de concelleiras e concelleiros que nos deron as urnas».
Os nacionalistas explicaron que esta proposta de pacto reservaba para o BNG as áreas económica, a de cultura e deportes, a de medio ambiente, a de mocidade e máis conciliación e voluntariado.
«Agora di o PSOE que darnos cinco grandes áreas para tres persoas sería algo inasumíbel, pero parécelles moi normal que un só tenente de alcalde teña a delegación de seis áreas e entre os catro tenentes repartan dezaoito competencias», argumentou o responsable local, Gerardo Uz, quen sinalou ademais que a proposta de repartición de competencias do BNG «era proporcional ao peso político de cada un dos dous partidos: tres concelleiros nacionalistas e seis socialistas».
«Nós sabemos perfectamente por que non querían chegar a ningún acordo: porque pedimos transparencia e auditar as contas, por iso nos querían lonxe da área económica e o máis lonxe posíbel do Concello. Cando hai uns meses afloraron no pleno municipal case 1,3 millóns de euros en facturas sen pagar, comprobouse que a nosa intuición era correcta», concluíu Xosé Penas.