Fin de festa con sesión vermú en Busto e romaría en San Pedro
FESTAS . As festas do barrio de San Pedro chegan ao seu remate despois de cinco días cunha romaría popular no parque de Belvís.
Haberá polbo e churrasco, ademais de xogos tradicionais e bingo musical. O programa dominical inclúe tamén unha pachanga de barrio no campo de fútbol de Belvís, alboradas ás 12h e baile tradicional da Xuntanza ás 13h.
Ademais, a parroquia de Busto encara a súa segunda e derradeira xornada de festa con misa solemne ás 13.30h e sesión vermú a continuación, coa música de Argalleiros e Dúo Dilema.
A Fundación Granell celebra o Día do Orgullo cunha lectura colectiva
LITERATURA. Este domingo a partir das 11.30 da mañá a Fundación Granell celebra o Día do Orgullo con LeComigo na terraza.
Guiado pola escritora Eva Mejuto e coordinado por Mercedes Corbillón, os asistentes serán recibdos cun café e comezará a lectura en silencio durante unha hora, para logo comentar as lecturas cun vermú nas mans.
A Fundación anima a levar cada un o seu libro, pero en caso de non ter ningún desta temática, na actividade haberá unha selección de préstamo.
Cita musical no bar Arume con Iria Nouche
CONCERTO. O café bar Arume (Praza de Fuenterrabía, 4) acolle esta noite de domingo un novo concerto a partir das 21.30h coa cantante pop Iria Nouche na modalidade de entrada inversa.
A outra cita musical do día será en sesión vermú ás 13.30h no pub O Transistor de Bertamiráns, e correrá a cargodo grupo Soylent Green Project, tamén con entrada inversa.
Segue a feira de antigüidades en Área Central
FEIRA. Tras o éxito acadado no mes de xaneiro, o Outlet Área Central continúa hoxe coa segunda edición da feira de antigüidades organizada pola asociación cultural Ferro Vello.
Exposición de Playmobil en Área Central / Javier Rosende Novo
Procedentes de toda Galicia, 45 expositores participan no evento ofrecendo obxectos antigos e de coleccionismo, ademais de contar con postos específicos de produtos de Playmobil.
Poderase visitar de 11:00 a 20:00 horas e os comercios estarán no seu horario habitual abertos con motivo das rebaixas.