Ribeira celebrou o Día do Orgullo LGBTI+ cun acto institucional, presidido polo alcalde Luís Pérez, xunto cos membros da Corporación Municipal, o pregoeiro, Rafa Moraña, e representantes das asociacións Amas de Casa, Mulleres en Acción, Renacer, Cruz Vermella e a Cofradía da Dorna.
Deron lectura conxunta a un manifesto reivindicando «a diversidade, a igualdade e os dereitos de todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual, identidade ou expresión de xénero».
Rafa Moraña / Cedida
O pregoeiro e veciño Rafa Moraña lembrou que ao longo da súa infancia e adolescencia «vivín con moitas fantasías e soños, a pesar da miña xordeira, a través dos meus ollos grazas ás películas emitidas nos cinemas Vello e Novo dos irmáns Moraña: Pepe e Amancio. Sentía que estaba preparado para afrontar o mundo e a vida grazas a estas películas». Invitou a reflexionar o que significa para un xordo ou unha xorda ser unha persoa dentro do colectivo LGTBi+ na vida cotiá.
O rexedor Luís Pérez pechou o encontro afirmando que este acto non remata aquí «é, máis ben, unha semente que seguimos regando cada día co noso compromiso e co noso orgullo». Rematou proclamando: «fronte ao odio, liberdade; fronte ao medo, orgullo; fronte á intolerancia, compromiso».