O Concello muxián vén de poñer en marcha Muxía Itinerante 2025, unha iniciativa pioneira que leva por primeira vez actividades culturais, deportivas e de lecer ás parroquias do municipio. «O obxectivo é descentralizar a programación municipal e fomentar a participación veciñal en espazos onde, ata o de agora, non se realizaban eventos deste tipo», subliñan dende o Goberno local.
Cartel promocional de Muxía Itinerante / Cedida
As parroquias de O Castro, Quintáns, Senande, Touriñán e Nemiña acollerán durante o verán diferentes propostas que combinan natureza, música, humor, astronomía e actividades para todos os públicos. Tal e como destaca a tenente de alcalde, Sandra Vilela, “é a primeira vez que se fai algo así en Muxía, e facémolo coa ilusión de achegar a cultura ás parroquias, recoñecendo o seu valor e dinamizando a vida comunitaria”.
O programa comezará co roteiro Polo río Castro con Xan Fernández, o 5 de xullo, e continuará o día 6 co monólogo de Olga Abad Arrivederci Roma na escola unitaria de Quintáns ás 19.30 horas. O día 12, a Praza Cabo da Vila, de Muxía, acollerá un concerto de A Quenlla (22.00 horas). O mes rematará con A Onda de Nemiña, con deporte e música na praia.
Xa en agosto, o día 4, celebrarase o Feirón de Senande, un mercadiño de artesanía e alimentación amenizado coa música de Brassica Rapa a partir das 11.00 horas. E o día 19 terá lugar a noite astronómica baixo o lema O ceo dende Touriñán con Jorge Mira, a partir das 23.00 horas no faro de Touriñán.
Con este proxecto, o Concello de Muxía aposta «por unha cultura máis próxima, accesible e diversa, onde todas as veciñas e veciños teñan oportunidades de desfrutar do lecer sen saír das súas parroquias». O programa Muxía Itinerante está incluído dentro da estratexia Muxía Cultural, promovida pola área de Cultura.