O auditorio de Padrón acolleu o acto de graduación do alumnado de Bacharelato e Ciclos Formativos da promoción de 2025 do IES Macías O Namorado, ao que asistiron os alcaldes de Padrón, Dodro, Rois e Pontecesures para entregar os diplomas, entre outros, aos graduados dos seus respectivos concellos.
Este ano graduáronse máis de 60 alumnos e alumnas, que encheron o auditorio coas súas familias e fixeron que o espazo se quedara pequeno.
A directora do instituto, no nome do centro, despediuse dos alumnos e desexoulles moita sorte no futuro, ao igual que a invitada de honra deste ano, Sandra González Pardal, exalumna do IES Macías O Namorado.
González Pardal, que na súa intervención lembrou con emoción o seu paso polo instituto padronés, é xerente de Cristalería Padronesa, unha empresa familiar de fonda implantación en Padrón, con máis de 40 anos de experiencia. Esta firma colabora activamente co instituto na formación do seu alumnado de ciclos, fomentando o crecemento académico e profesional dos alumnos e alumnas.
«Non podemos sentir máis orgullo do noso estudantado, que recolleu os seus diplomas nun día que esperamos fose tan especial para eles, como o foi para nós», sinalan dende o instituto.