A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou en Muros a xestión do Goberno local, que preside a nacionalista María Lago, no ecuador do mandato cun proxecto de «políticas transformadoras» do que destacou a aposta polos servizos públicos e a cohesión social.
Pontón fixo balance destes dous primeiros anos de goberno xunto á alcaldesa, da que dixo «foi quen de endereitar o rumbo do Concello e poñer en marcha políticas de avance e transformación que realmente melloran a vida das persoas, un dos sinais de identidade do Bloque no ámbito local».
«Estamos na política municipal para poñer as persoas no centro, crear dinamismo económico e social, xestionar ben cada euro que pagan os veciños nos seus impostos e facer concellos que sexan democráticos, igualitarios e transparentes», sinalou a líder nacionalista, quen subliñou que «todos estes compromisos xa se poden comprobar en Muros».
Nesa liña, destacou «o esforzo para garantir o Servizo de Axuda no Fogar» do equipo liderado por Lago, «que xa se comprometeu coas traballadoras para que puideran recibir o pago das dietas por desprazamento, o que redunda na dotación adecuada do SAF e supón tamén unha mellora nas condicións laborais do seu persoal, maioritariamente mulleres».
Ademais, dixo que «Muros, ao igual que outros concellos, está dando soporte a un servizo que debería prestar a Xunta, pero que, sen embargo, está pagando en precario ao aportar só 12 €/hora, cando este concello está abonando de media 27 €, o que implica un infrafinanciamento importante».
Neste sentido, criticou que o PP votase en contra da proposta do BNG para subir o financiamento deste servizo de 12 a 20 € a hora.
Pontón destacou tamén o traballo do equipo de Lago pola conciliación, «coa recuperación de servizos públicos que se deixaron de prestar en épocas anteriores».