A deputada provincial de Igualdade, Soledad Agra, visitou as profesionais de O Peirao – Redeiras Artesás, en Corme (Ponteceso), e da Asociación de Redeiras O Fieital, en Malpica, para coñecer de primeira man o traballo artesán «destas mulleres que non so tecen redes de pesca, senón tamén simbólicas, pois ademais do seu traballo son exemplo de comunidade e de loita», afirmou.
Soledad Agra, esquerda, e Ángeles Millé na nave das redeiras de Malpica / D. C.
Ademais, a deputada sinalou que «coas súas mans fan o traballo artesanal que despois permite capturar o peixe; son o sostén de todo un sector como o pesqueiro, mais, sendo unha profesión completamente feminizada, non reciben ese recoñecemento que merecen, como acontece en tantos outros casos».
Co seu traballo, engadiu, contribúen ao desenvolvemento dunha pesca sustentable e respectuosa co medio pero, ademais, «manteñen unha tradición centenaria que é sinónimo de identidade de calquera vila mariñeira e de país».
Por iso, Soledad Agra sinalou que «as administracións públicas debemos poñer en valor esta profesión e dignificala, combatendo as malas condicións laborais e a falta de relevo xeracional porque, ademais, sería un bo xeito de fixar poboación».
A deputada escoitou as demandas en canto a condicións laborais e todas as problemáticas dun colectivo de mulleres «herdeiras dunha tradición viva, que leva séculos mantendo o mar unido á terra» e deulles as grazas polo seu labor, e por «acollernos e abrirnos as portas do voso saber».