Técnicos de Adega, acompañados dun grupo de veciños e veciñas, analizaron a calidade das augas do río Grande ao seu paso por Baio (Zas), no tramo comprendido entre a Praza Jorge Mira Pérez e a Carballeira.
Na xornada participaron voluntarios de todas as idades / Concello de Zas
Identificaron a flora típica de ribeira, onde hai unha alta presenza de especies autóctonoas; analizaron a calidade físico-química da auga e calcularon o índice de macroinvertebrados. Como resultado, todos estes valores «constatan a boa calidade das augas», subliñan dende o Concello de Zas. As diferentes especies detectadas son, segundo os técnicos, uns claros bioindicadores das augas. Durante a xornada detectáronse catro familias de insectos acuáticos usadas como marcadores da calidade das augas pola súa sensibilidade á contaminación.

O alcalde, Manuel Muíño, tamén participou no percorrido polo río / C. Zas
Segundo o alcalde, Manuel Muíño, «medíronse outros valores químicos como o pH, o osíxeno, os nitratos e a temperatura da auga e obtivéronse uns niveis óptimos».

Técnicos de Adega e un grupo de rapaces avaliando as mostras recollidas / C. Zas
Hai que lembrar que o río Grande é un dos sinalados polo Ministerio de Transición Ecolóxica como un dos que superaba os niveis de nitratos permitidos, aínda que as analíticas realizados polo Concello rexeitaron que exista tal contaminación.
Dúas voluntarias ambientais darán continuidade ao control, recollendo de forma periódica distintas medicións co fin de analizar a saúde das augas. A iniciativa enmarcouse na nova campaña de voluntariado ambiental #SúmateáCorrente, do Proxecto Ríos, de Adega.