Os edís non adscritos do Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez, pedirán por carta ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que revise a súa expulsión do PSOE. Consideran que a auditoría das contas do partido anunciada a raíz da dimisión do exsecretario de Organización, Santos Cerdán, debe ir acompañada dunha revisión das actuacións que executou no cargo. Cerdán, que renunciou tras facerse público un informe da UCO que o vincula co cobro de comisións a cambio de adxudicacións de obra pública, «foi quen asinou finalmente a nosa expulsión do partido», lembran.
Os concelleiros sinalan que a súa saída foi ratificada «por unha delegación» do Comité de Ética e Garantías do PSOE composta por «dúas persoas». Isto fíxose «para acelerar a decisión de expulsión do partido, unha celeridade que non vemos na expulsión, por exemplo, do aínda militante socialista, José Luís Ábalos», apuntan.
Denuncian «irregularidades» na agrupación local
Muíños, Rosón, Castro e Álvarez instan a Pedro Sánchez a analizar «as irregularidades que se produciron, tanto na tramitación dos expedientes como, nos intentos previos de deslexitimación do Grupo Municipal Socialista e, mesmo, na elección do secretario xeral local, Aitor Bouza, así como a súa Comisión Executiva Municipal».
Desta maneira, aseguran que na agrupación compostelá «produciuse unha afiliación masiva de dubidosa legalidade» antes da elección da Executiva. Os edís non adscritos cifran en 35 as novas altas «o que representa máis dun 10% do censo total» e responsabilizan a Aitor Bouza e os seus colaboradores de «promover» estas prácticas, que Cerdán «coñecía». Engaden que a situación foi comunicada a Ferraz pola secretaria de Organización local saínte, pero «nunca obtivo resposta».
A xuízo dos edís, todo isto «demostra que o obxectivo» de Bouza «era relegarnos ao ostracismo político, limitar a nosa capacidade de influencia na agrupación e, en última instancia, expulsarnos do partido e forzar que entregásemos as actas».
«Prácticas vergoñentas»
Os concelleiros insisten en que formularán a súa solicitude a Sánchez «desde a convicción de que nolas catro non incumprimos ningunha norma do partido, e seguras ademais de que, quen promoveu este tipo de prácticas vergoñentas a nivel local debera asumir responsabilidades polo feito».
No que respecta ao acontecido arredor de Santos Cerdán, advirten que se traslada «unha imaxe decepcionante» debido a unha forma de actuar que se sitúa «nas antípodas da exemplaridade política».