O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou a suspensión, de forma cautelar, das autorizacións dos parques éolicos Patiñeiro, proxectado nos montes de Treos, en Vimianzo, e Monte Xesteiros, na Estrada A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo conclúe que concorren elementos que acreditan, polo menos indiciariamente, “a presenza de valores ambientais que quedan expostos polas obras a un dano significativo”.
A iso engade que as obras, «pola súa propia natureza e a interacción coa contorna», son susceptibles de causar un grave dano a valores ambientais sensibles que, sendo sinalados previamente por informes rigorosos e imparciais incorporados polo Ministerio de Transición Ecolóxica á DAE, desaconsella a instalación de novos parques eólicos. Sinala ademais que a presenza de especies vulnerables ou en perigo de extinción xeran un conxunto de indicios probatorios.
Os maxistrados salientan que, obrando co principio de cautela, «ante a simple hipótese de que ese dano poida ser de difícil ou imposible reparación -algo que non é posible demostrar cunha proba plena ata que o dano está producido-«, optaron por apreciar “a concorrencia do presuposto fundamental da tutela cautelar, que pode facer ineficaz a sentenza que no seu día se dite, se o dano está irremediablemente causado”.
Nos autos, o TSXG incide en que resultou indiciariamente acreditado que existen elementos sensibles do ecosistema que se van ver afectados de forma relevante (afección a especies de flora ou fauna que están especialmente protexidas por estar en estado de ameaza ou perigo de extinción). Ademais, indica que «a ponderación favorable de intereses económicos como prevalecente é extremadamente excepcional, só admisible cando compromete de forma esencial a economía da nación ou produce un dano particularmente intenso».
Así, sinala que o Tribunal Constitucional «establece no xuízo de ponderación en sede cautelar a preeminencia da protección ambiental como preferente sobre outros intereses aducidos, que, aínda que lexítimos, non resultarían irremediablemente afectados, como si sucedería cos valores ambientais que se tratan de salvagardar».
Cabe lembrar que a veciñanza de Treos (Vimianzo) manifestara publicamente o rexeitamendo do parque Patiñeiro ao entender que «partirá a parroquia á metade, e a área de influencia dos viraventos estaría a menos de cincocentos metros dalgunhas casas».
Asemade, alegaron que «un dos muíños situarase a 300 metros do dolmen de Pedra Cuberta, que foi escavado en 2023 para confirmar que conserva pinturas rupestres. Este é un dos máis importantes de todos os que conforman a Ruta dos Dolmens, que quedaría moi danada e afectaría de xeito irreversible á zona, impedindo realizar o Parque do Megalitismo que diferentes entidades públicas queren levar a cabo»-
Os veciños contaron co apoio de Adega e a asociación Vendaval Costa da Morte.
Ademais dos referidos parques, o TSXG tamén suspendeu, igualmente de xeito cautelar, a autorización do proxecto Sobredo, en Arbo (Pontevedra).