A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, inviste 210.000 euros nas obras de renovación das luminarias do porto de Rianxo por tecnoloxía led de alta prestación e control telemático. As obras están en execución esta semana e permitirán modernizar o alumeado exterior do porto, reducindo o consumo enerxético.
Esta actuación enmárcase nun plan global para unha trintena de dársenas autonómicas no que Portos de Galicia inviste este ano 3 millóns de euros para dotar de sistemas de alumeado exterior sustentable ao sistema portuario autonómico.
No porto de Rianxo estase a actuar sobre 169 luminarias e proxectores para a súa renovación, incluíndo a retirada das instalacións existentes, substitución polos novos equipos LED, así como a dotación de sistemas de telexestión.
O obxectivo principal destes traballos de modernización é reducir a contaminación ambiental e luminosa nos espazos portuarios, co apoio dun sistema de control remoto das luminarias. Así, aportarase maior comodidade visual aos seus traballadores e usuarios ademais de procurar ese aforro enerxético estimado do 60%.
Os equipos de altas prestacións, deseñados para traballar en espazos portuarios, destacan pola súa durabilidade en ambientes mariños.