O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na entrega de premios da 16ª edición do Concurso Coca-Cola Novos Talentos de Relato Curto de Galicia, cuxa gañadora da fase autonómica foi Gabriela Villada, do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, na provincia da Coruña.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou “a importancia de colaborar con iniciativas como esta que promoven entre o alumnado a creación literaria na nosa lingua”. Neste senso, felicitou aos organizadores do certame e a todos os participantes, “xa que na presente edición bateuse o récord con preto de 300 relatos curtos presentados”.
No acto, tamén se fixo entrega dos galardóns ao alumnado que resultou premiado na categoría provincial. Recolleron os seus premios Gael Viñas, do instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes, en Lugo; Raymar de los Ángeles, do colexio San José Josefinas, en Ourense, e Gabriel Melón, do colexio Plurilingüe Santiago Apóstol de Ponteareas, en Pontevedra.
Fomento da escritura creativa en galego
O Concurso Coca-Cola Novos Talentos do Relato Curto de Galicia conta co apoio da Xunta de Galicia por ser unha actividade que fomenta a escritura creativa entre a xente nova. Como premio, a gañadora da edición autonómica deste ano viaxará coa súa mestra a Madrid para visitar a sede da empresa na que se celebrará a gala nacional do concurso e onde se fará a entrega oficial dos galardóns, o vindeiro 20 de xuño.