O Concello de Ames abre este luns 19 de maio o prazo para facerse co carné de usuario das piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e O Milladoiro.
Para solicitar a tarxeta de usuario é preciso presentar a solicitude cuberta, unha foto actualizada tamaño carné escaneada e a folla de autoliquidación selada pola entidade bancaria. Dita folla de autoliquidación pode solicitarse nas oficinas de recadación ou no enderezo electrónico [email protected].
Dende o Concello solicitan que, na medida do posible, os usuarios descarguen a documentación desde a páxina web e que soliciten a folla de autoliquidación por correo electrónico. Unha vez recibida toda a documentación, enviarase nun prazo de 5 días, o carné actualizado nun documento PDF.
Para este verán, ofertánse varios tipos de abono: o familiar de tempada que custará 20 euros; o individual para toda a tempada, de 14 euros; e o abono de tempada para menores de 18 anos, de 7 euros.
Ademais, tamén haberá abonos mensuais, de 7 euros para maiores de idade e de 5 euros para menores de 18 anos; mentres que os menores de 4 anos están exentos de pago.
A apertura das piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro está prevista para o 15 de xuño e as instalacións permanecerán abertas ata o 15 de setembro, en horario de 11.00 a 21.00 horas.