A Xunta de Goberno Local da Laracha aprobou con carácter definitivo o proxecto de equidistribución no ámbito do Plan Parcial AR-S1 Gallega de Mallas, promovido pola sociedade Inmobiliaria Gabenlle coa finalidade de crear unha nova área comercial na entrada ao núcleo urbano da Laracha en dirección A Coruña, xunto á AC-552.
O ámbito abarca unha superficie bruta de 28.890 m2, sobre a cal se proxecta un aproveitamento lucrativo total de 17.334 m2. Como efecto principal da aprobación do documento de distribución, faise efectiva a transmisión ao Concello do 10% de dito aproveitamento, polo que se incorpora ao patrimonio municipal unha parcela de 1.733,4 m2 dese ámbito, apta por tanto para albergar actividade comercial.
O plan xa fora aprobado con carácter definitivo en abril do ano pasado; o proxecto de urbanización está na última fase de tramitación e conta con todos os informes sectoriais favorables, polo que se prevé aprobalo en próximas datas.
Dende o Concello aseguran que o desenvolvemento deste plan «suporá un paso importante para a dinamización económica da Laracha, xa que xerará novas oportunidades para impulsar a actividade comercial e xerar emprego de calidade».
A nova área terá 177 prazas de estacionamento público.