A alcaldesa de Muros, María Lago, e as concelleiras de Cultura, Caridad González, e Lingua e Ensino, Laura Rivadeneira, presentaron a programación do Mes das Letras Galegas e a XVII Mostra de Teatro Xosé Agrelo, con numerosas actividades para todas as idades.
A rexedora destacou “a variedade das actividades nun mes de maio para celebrar e tamén para reivindicar a importancia da nosa lingua”. Caridad González puxo en valor “o protagonismo que terán os grupos locais de teatro, aínda que tamén virán grupos de fóra”. E Laura Rivadeneira destacou “a importancia de que o teatro chege aos nenos e nenas, pois, como xa pasou o ano pasado, nesta mostra todo o alumnado de Muros verá algunha representación”.
O 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Concello participará no acto da ofrenda a Xosé Agrelo ás 13.30 horas na alameda de Esteiro, organizado pola AC O Xeito. Esa xornada rematará cunha foliada na Praza do Mercado, organizada pola ACRD Praia do Castelo.
Haberá obradoiros de pandeireteiras, homenaxeadas este ano nas Letras Galegas, e unha conferencia de Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega.
A Mostra de Teatro Xosé Agrelo comeza este xoves 8 na Galiña Azul de Esteiro ás 10.30 horas co contacontos Leo e a música, de Trémola Teatro; e na antiga fábrica de Sel, ás 20.00 será a conferencia Falares e cantares muradáns, a cargo de Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega.
O venres 9, o auditorio do centro cultural e xuvenil acollerá ás 20.30 horas o espectáculo teatral O doente imaxinario, do Grupo de Teatro ACC Terra de Outes.
O sábado 10 representarase ás 20.30 horas a obra O mestre, a cargo de O Xeito Teatro.
O luns 12 será o turno ás 11.00 da obra O espantallo, da ANPA Ricardo Tobío.
O martes 13 ás 11.00 o citado centro acollerá o espectáculo musical Conssertaso na horta, de Brais das Hortas.
O mércores 14 representaranse ás 11.30 as obras Os viaxeiros do tempo e En efectivo ou con tarxeta, de Adisbismur.
O xoves 15 ás 11.00 e ás 12.30 porase en escena Bicos con lingua, de Talía Teatro.
O venres 16 representarase ás 11.00 As piratas de Monte Louro, de Aquelando Teatro. E na biblioteca haberá a sesión de contacontos O corpo contado, de Charo Pita, ás seis da tarde, mentres que na antiga fábrica de Sel presentarase ás 20.00 horas o libro Sentinelas no limiar das tebras, de Alexandre Senande.
Media hora despois, no auditorio do centro cultural e xuvenil, porase en escena a peza Segredos de familia e licor café, da Asociación Teenses pola Igualdade.
O sábado 17 haberá na alameda de Esteiro ás 13.30 ofrenda a Xosé Agrelo Hermo, organizada pola AC O Xeito; o espectáculo Ondamini, de Mamá Cabra, ás 14.00; e na Praza do Mercado, ás 20.00, foliada a cargo da ACRD Praia do Castelo.
O domingo 18 en San Francisco (Louro), haberá ás 17.30 o contacontos Cantareiras. A poesía popular nas Letras Galegas 2025; e no local social da SCRD Esteirana, ás 18.00 a peza teatral Castelao, un corazón á intemperie, de Fantoches Baj.
O sábado 24 no auditorio do centro cultural, ás 20.30 Fodechinchos, con perdón, de Aquelando Teatro.
O venres 30, no mesmo centro, As piratas de Monte Louro, de Aquelando Teatro. E ás 20.30 na antiga fábrica de Sel, presentarase o libro Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, de Roberto Mera.