A Asociación Cultural e Deportiva A Milagrosa, do barrio do mesmo nome en Carballo, xa puxo á venda as entradas para o IV Xantar, que se celebrará o 7 de xuño no polideportivo do Colexio Xesús San Luís Romero.
Os actos darán comezo ás 13.30 horas cunha sesión vermú que estará amenizada por varios DJ’s e, a partir das 15.00 horas, servirase o xantar a base de empanada, lagostinos, polbo á galega a fartar, churrasco de porco e tenreira, patacas fritas, sobremesa e licores.
Haberá sorteo de agasallos doados por diversas casas comerciais e a gran novidade é unha viaxe de 7 días a Gran Canaria para dúas persoas en réxime de aloxamento e almorzo.
Tras a degustación de tan exquisito manxar voltará a música, dando paso a unha velada, aberta a todos os públicos. As entradas pódense adquirir a través dos membros da comisión organizadora ou no local do antigo Banco Pastor (na avenida Milagrosa, número 10).
Dada a gran expectativa que levanta este evento, dende a organización animan os interesados a retirar as súas entradas canto antes, xa que aínda que o aforo do pavillón é moi superior, unicamente se ofertan 500 prazas por cuestións organizativas e de seguridade. A festa conta co apoio do Concello de Carballo e da dirección do Colexio San Luís Romero.