O pleno do Concello de Ames aprobou por unanimidade este mércores a adxudicación do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) á empresa Atende Caere S.L. por un importe 2.992.993,66 euros. Esta nova concesión terá unha duración inicial de dous anos, con posibilidade de prórroga ata un máximo de catro. O novo contrato, que comezará a prestarse o 1 de xuño, contempla un prezo por hora de 22,65 euros e a inclusión de servizos complementarios, como podoloxía (200 horas ao ano), peiteado (200 horas ao ano), formación en coidados (200 horas ao ano) e limpezas xerais ou de choque (150 horas ao ano).
Esta adxudiación chega tras a aprobación da resolución do anterior contrato coa empresa Osventos Innovación en Servizos, S.L., debido ao incumprimento de «obrigas contractuais esenciais» durante o período de vixencia do contrato.
Outro dos temas da sesión do mércores foi a aprobación da excepción dos límites cuantitativos relativos aos investimentos do proxecto Ames Digital Water, unha iniciativa que permitirá optimizar a xestión do ciclo urbano da auga. «Coa aprobación desta excepción podemos xerar o crédito necesario para esa anualidade», destacou o edil de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto.
No ámbito das infraestruturas, a Corporación amesá ratificou tamén a subsanación de deficiencias técnicas nas obras de pavimentación do viario que conecta Capeáns e Pousada, no marco do POS+ 2025.
Comedores escolares
Durante o pleno tamén se aprobou a modicación do regulamento dos comedores escolares e dos programas de conciliación, así como a modificación do convenio do programa Xantar na Casa, aumentando o número máximo de persoas beneficiarias de 35 a 45. En materia de transición ecolóxica aprobouse por unanimidade a incorporación do Concello, en calidade de persoa socia, á Asociación Ames Solar.
En canto ás mocións, o pleno aprobou por maioría o rexeitamento ao proxecto de Altri en Palas de Rei, impulsado polo BNG, e por unanimidade unha moción do PP sobre melloras nas estradas locais, así como unha declaración institucional do PSOE para declarar de interese xeral a ampliación da estación depuradora de augas residuais da localidade de Sisalde.