O Concello de Carballo puxo en marcha cinco importantes proxectos viarios, cun investimento de 2 millóns de euros. Esta semana comezou a pavimentación da estrada As Labradas coa Ponte de Bértoa (207.666 €), ao longo de 2 Km. A vía ampliouse nalgúns puntos ata os 6 metros de ancho, e acometeranse tamén a drenaxe de pluviais e a sinalización.
Nas próximas semanas asfaltaranse vías nas que xa se levaron a cabo os traballos de limpeza e ancheamento onde foi posible. Na estrada do Moucho (Verdillo) á Piña (Sofán), o investimento acada os 381.297 €, e actuarase ao longo de 3,9 Km. A actuación terá carácter discontinuo debido a que parte do trazado discorre polo concello da Laracha. Tamén están incluídas no proxecto a drenaxe de pluviais e a sinalización.
Antes do verán rematará unha actuación similar na vía de Arnados (Razo) a Sambade (Rebordelos), cun orzamento de 576.614 €.
Ao longo dos 4,6 Km de vía tamén se procederá á drenaxe de pluviais e á sinalización, e construiranse dous muros de coieira de 20 e 40 metros de longo e 1 de alto no treito comprendido entre os lugares do Igrexario e Sambade. No lugar de Arnados farase unha senda peonil de 230 metros na marxe esquerda. Tanto en Arnados como en Igrexario de Lema pavimentarase con formigón.
A cuarta actuación en marcha é a segunda fase da vía que enlaza as parroquias de Rus e Entrecruces. Despois do investimento realizado entre A Canosa e O Pereiro Vello (230.000 €) agora vaise aglomerar o treito que vai desde O Pereiro Vello ata Outón, cun orzamento de 391.797 €. O investimento total nesta vía superará, polo tanto, os 600.000 €.
A actuación desenvólvese ao longo de 3,3 Km, tamén con limpeza de gabias, drenaxe e estendido de aglomerado. Na zona de cruce da vía cos ríos Calvos e Vilar de Cima está previsto un sobreancho dun metro por cada marxe.
No lugar do Outón será preciso construír un muro de coieira de 35 metros de lonxitude e 3 de alto.
Desconxestionar a AC-552
A estas catro estradas sumarase a que enlaza a rotonda do polígono industrial de Bértoa coa da estrada de Razo, para desconxestionar a comarcal AC-552. A actuación ten un orzamento de 541.218 €. Nesta primeira fase tamén se inclúe o acondicionamento da rúa Médico Justo Martínez, coa explanación e pavimentación de 105 metros lineais.