O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, puxo en valor o impacto do Plan de Emprego Local (PEL) no tecido económico e empresarial do rural. Fíxoo durante a visita a Dumbría, onde foi recibido polo alcalde, Raúl González.
Visitaron dous dos establecementos do municipio que recibiron axudas do PEL: a pensión rústica As Pías e o Hotel Boutique Mar do Ézaro. Nos últimos cinco anos, a pensión As Pías percibiu máis de 51.000 euros en axudas destinadas á contratación de persoal, investimentos de mellora nas súas instalacións e pagamento de cotas de autónomos, mentres que o Hotel Mar do Ézaro superou os 57.000 € en apoios para contratar persoal, desenvolver o seu proxecto empresarial e consolidarse como referente de calidade turística na zona.
Valentín González e Raúl González, no centro, nun dos establecementos hostaleiros de Dumbría / D. C.
Desde 2017, o PEL concedeu en Dumbría un total de 103 axudas por importe de case 1,3 millóns, a maior parte delas para contratacións, o que permitiu crear 38 empregos no municipio. Formoso destacou a importancia do PEL como «un instrumento fundamental para apoiar aos autónomos, pemes e emprendedores do rural», subliñando que «sen emprego non hai futuro no rural, e por iso as políticas públicas de desenvolvemento económico deben ter como prioridade crear emprego e xerar oportunidades nos concellos máis pequenos».
Desde a súa posta en marcha, o PEL suma un investimento total de 119 millóns de euros na provincia, que permitiron crear 7.700 empregos nos sectores público e privado, axudar a 2.700 pequenas empresas en investimentos e modernización, e a 4.000 persoas autónomas que viron bonificada a súa cota mensual á Seguridade Social.
Pola súa banda, o alcalde de Dumbría, Raúl González Lado, destacou a importancia que para os pequenos concellos tivo a creación do PEL. «É un apoio fundamental, tamén para os concellos, pois permítenos contratar persoal para atender os servizos esenciais municipais».
No marco da súa visita institucional, Valentín González Formoso fixo entrega tamén ao Concello de Dumbría dun novo vehículo para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que será empregado polas traballadoras que atenden diariamente ás persoas maiores do municipio. Permitirá mellorar as condicións de traballo das profesionais, evitando que teñan que empregar os seus vehículos.