O Concello de Padrón acolle dende o pasado venres 11 de abril e ata o vindeiro domingo 27 as súas Festas de Pascua, unha celebración que encherá a localidade de música, animación, actos relixiosos e moita diversión durante diversas xornadas cun cargado programa de actividades. A concelleira de Festexos da localidade, Chus Campos, destaca a importancia das festas da localidade e pon en valor o papel que desenvolven os veciños e veciñas para que esta celebración continúe consolidándose como unha das máis agardadas durante a Semana Santa.
Cal cre que é o segredo para manter viva a Pascua ao longo dos anos?
Manter a tradición e ao mesmo tempo meter cousas novas ou incluir cousas novas, innovacións, na programación.
En que medida se equilibra a innovación coa preservación das actividades tradicionais?
Bueno, eu creo que o equilibrio acabase dando só porque a xente demanda todas as actuacións e todos os eventos tradicionais porque non quere prescindir deles, e ao mismo tempo eles tamén valoran que se traian cousas novas, espectáculos novos e novas iniciativas que fagan máis diversa a programación.
Unha festa como esta non é posible sin a colaboración cidadá. Que papel xogan os padroneses na preparación e celebración destes festexos?
Teñen un papel fundamental, loxicamente, sin eles non sería posible realizar as festas deste xeito. Empezando xa pola propia semana de Semana Santa na que estamos, a relixiosa, aquí hai dúas confrarías nas que participa bastante xente de forma altruista, e iso é algo que é necesario pór en valor. E logo tamén hai que valorar o que soporta o pobo, porque ao final unha festa deste calibre supón bastantes molestias a nivel de aparcamento, de ruído e entonces aí hai moito a valorar. Despois tamén participan en todos os eventos que hai, nos eventos deportivos, culturais, nas propias festas… os veciños son partícipes en todos os aspectos.
O número de visitantes que recibe Padrón medra ano tras ano. Pensa que a Pascua pode atraer aínda máis xente á vila?
Si, eu penso que pode atraer máis xente aínda porque a verdade é que o programa está tendo moito éxito, polo que esperamos moitos visitantes. A xente está respondendo moi ben hacia el e o feedback que teño é moi bo nese sentido. Pero que haxa moita xente ou non vai depender dunha cousa, que vai ser o tempo. Agora mesmo está un pouco inestable a verdade, pero temos a esperanza e esperamos que nos dea un respiro para que poidan vir gozar das nosas festas o maior número de visitantes posibles.
Cal considera que foi o cambio máis importante que se incorporou nas últimas edicións ás festas?
Eu creo que por un lado darlle un papel predominante ás mulleres, facendo unha aposta polos grupos galegos composto por mulleres. Despois, por outro lado está o feito de darlle voz á xuventude en diversos temas, sobre todo en torno ao ámbito cultural. Por exemplo, digamos, coa presenza de grupos emerxentes con iniciativas de rock ou rap para darlle un espazo a este tipo de grupos que están empezando. E despois tamén creo que hai que destacar os emprazamentos, xa que lle estamos dando importancia tamén ao emprazamento da zona do outro lado do campo de fútbol para que todo o pobo, todos os negocios, poidan sacarlle o rendemento que se saca nesta época.
Que desafíos ten por diante Padrón para mellorar as festas nun futuro?
Primeiro, o que afirmamos dende o goberno é que buscamos manter unhas festas tranquilas, con seguridade, e que se poida desfrutar nelas con tranquilidade. Despois, en canto a desafíos a nivel de festa destaca un especialmente: estamos estudando varias posibilidades, de probar antes incluso de Pascua, a ver si podemos chegar a traer grupos de máis calibre, grupos que xa contan cunha gran importancia a nivel nacional. Isto de momento aínda é só un proxecto, pero igual comezamos a probar en datas máis tranquilas, porque ao final en Pascua o pobo está bastante saturado con atraccións, postos e todo, entón os espazos están máis axustados para espectáculos de máis calibre.