Venres Santo: misas en San Francisco e na Catedral compostelá
As celebracións do Venres Santo dan inicio esta mañá ás 12 horas na Catedral coa Celebración Sacramental da Penitencia, na capela xeral das Ánimas, e o Sermón das Sete Palabras, da man de Manuel J. Formoso. Ás 17 horas o protagonismo dos actos da Semana Santa lévao San Francisco, onde a Confraría da Vera Cruz representará O Desencravo. Os ritos volven á Catedral ás 18 horas coa Celebración da Paixón do Señor, que vai oficiar o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto.
Visitas guiadas á Casa da Troia durante esta Semana Santa
Durante esta Semana Santa a Casa da Troia está aberta, en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas. Retómanse así as visitas guiadas para grupos dun máximo de 12 persoas á que fora residencia estudantil. Unha actividade previa á apertura do museo no mes de maio, dando inicio á tempada de verán. As entradas ao Museo son de 3 euros -prezo xeral- e de 2 euros -prezo reducido para familias numerosas, persoas xubiladas e desempregadas, estudantes e peregrinos-.
Visitas guiadas á Casa da Troia durante esta Semana Santa / Cedida
Clave e órgano en ‘De lugares e órganos’
O músico galego Ramón Pérez-Sindín chega á décima edición do festival compostelán co seu concerto para clave e órgano Harmonía e esfera. Música ibérica entre os séculos XVI e XVIII. É ás 20 horas na igrexa da Universidade e entre o repertorio poderán escoitarse obras de Rodrigues Coelho, Aguilera de Heredia ou Escarlatti. Ademais da clave e do órgano, Pérez-Sindín empregará outros instrumentos de tecla, entre eles un clavicémbalo copia dun instrumento de Ioannes Ruckers de 1616.

Clave e órgano en ‘De lugares e órganos’ / Cedida
‘Orixes’, unha experiencia inmersiva
Unha posibilidade de lecer para os máis cativos da casa está no monte Gaiás, na mostra Orixes da Cidade da Cultura. Unha experiencia inmersiva na que se recrea a natureza salvaxe, incluídos seres que xa non existen, e viaxa a través de 4.000 anos de evolución deste planeta. Apta para maiores de 8 anos, pódense mercar entradas a 5 euros.