O Concello de Padrón continúa coa celebración das festas de Pascua, que contan cun cargado programa de actividades e propostas coa música como unha das grandes protagonistas.
Aínda que a esencia da Pascua xa leva inmersa na localidade desde a pasada semana, despois de que o venres se abrisen as atraccións, mañá chegará a primeira das actuacións musicais. La Fórmula e Unión y Fuerza serán os encargados de iniciar a programación musical.
O Domingo de Pascua converterase na Noite Xoce, cun programa especialmente pensado para o público máis novo. Desde as 19.30 horas, Magos, unha formación nova e dinámica, ofrecerá o seu espectáculo antes de que a París de Noia suba ao escenario. Xa de madrugada será o turno de Ricky Galende, que presentará o seu espectáculo de música, son e iluminación Renovation Experience no Paseo do Espolón.
O luns 21, o protagonismo recaerá nas orquestras Los Satélites e Olympus, mentres que o martes 22, o Dúo Máster e a Panorama porán o broche á primeira parte das festas cunha noite chea de ritmo.
A música tomarase un respiro e tetomará o día 25, venres de Pascuilla, para facer vibrar ao público durante toda a fin de semana. A xornada do venres comezará ás 13.00 horas cunha sesión vermú amenizada por Los Wavy Gravies. Ás 19.30 horas chegará o rock con de Five Star Service, que darán paso ás actuacións da Charleston e América. Por último, desde as 2.00 horas dará comezo no Paseo do Espolón o Open Air con DJ Places e DJ Low.
O sábado de Pascuilla as agrupacións tradicionais collerán o relevo e volveranse as protagonistas. En primeiro lugar co grupo folclórico Arreixeira, que percorrerá as rúas xunto a xigantes e cabezudos desde as 12.30 horas. Xa pola tarde, será a quenda do grupo folclórico Rosalía de Castro e da A.C. San Pedro de Carcacía. A música non deixará de soar durante o resto do día coa destacada presenza da Banda da Loba, un tributo a El Canto del Loco, a orquestra Kubo e o Open Air con Señora DJ e DJ MRT. Ademais, durante a xornada, ás 00.00 horas terá lugar a espectacular tirada de fogos de artificio, que contará cunha antesala moi especial coa proxección dunha serie de audiovisuais no Convento do Carme para engadir unha dimensión aínda máis especial ao evento.
As festas pecharanse o domingo 27, Domingo de Pascuilla, cunha xornada chea de enerxía que comezará ás 11.30 horas co pasarrúas do grupo folclórico O Pedrón, que actuará despois ás 13.30 horas na praza de Macías, despois de facelo o grupo folclórico Arreixeira. Durante a xornada do Domingo de Pascuilla terá lugar tamén a 15ª edición do Festival de Bandas Capital do Sar, que nesta ocasión contará coa Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba, a Banda de Música de Antas de Ulla e a Banda Municipal de Padrón. Por último, Atenas e Marbella encargaranse de poñer o broche final a uns festexos cheos de enerxía.