O BNG, a través dos deputados Daniel Pérez, Óscar Insua e Brais Ruanova, presentou no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para instar á Xunta a «formalizar de inmediato» os contratos xa adxudicados para a redacción dos proxectos de expropiación, desenvolvemento, urbanización e parcelamento do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial de Bértoa (Carballo). O obxectivo é «axilizar a tramitación da ampliación do polígono», afirman.
Os nacionalistas piden que se fixe un «cronograma» e que se inclúa nos orzamentos da Xunta para 2026 unha partida «específica e nominal de cando menos 3 millóns para afrontar o custo das expropiacións».
Por outra banda, o BNG tamén demanda que se remate «de xeito inmediato» a redacción do proxecto, trazado, construción e impacto ambiental da variante de Carballo. A este respecto, piden que licite xa neste ano a execución da primeira fase, e que se incorpore nos orzamentos autonómicos de 2026 unha partida destinada á execución «de cando menos 5 millóns de euros».
Asemade, dende o BNG demandan que se inicien os trámites para rescatar a autovía AG-55, que une Carballo con A Coruña, para que sexa efectivo en 2026 «e así rematar coa discriminación destas zonas».