O estudo ELO Arquitectura e o Concello de Vedra organizan, co patrocinio do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Mostra de Arquitectura Rural (MARCO), que terá lugar os días 9, 10 e 11 de maio en tres espazos: os campos da festa de San Pedro de Sarandón e de San Fins de Sales e a estación de tren de Santa Cruz de Ribadulla.
O amplo programa inclúe exposicións, actuacións, obradoiros, charlas e visitas guiadas nos eidos da arquitectura, a escultura, a pintura, a danza, a música, a literatura, o cine, a fotografía e a ilustración.
Así, por exemplo, os asistentes poderán ver a Mostra de Nova Arquitectura Galega, sobre 30 proxectos que son exemplos dunha nova xeración chamada a definir os trazos da arquitectura galega no futuro.
Poderán tamén visitar unha vivenda na que que usan as balas de palla como sistema construtivo, e outra que evolucionou cara a autosuficiencia e o autoconsumo mediante intervencións encamiñadas á desconexión da rede de subministros.
Os máis cativos poderán participar nun taller de construción dunha maqueta a escala.
Haberá asimesmo un taller de creación fotográfica centrado na arquitectura tradicional; esculturas feitas con materiais naturais e reciclados; e mesmo divertidos xogos, como o de lanzamento de marco.