Un aparatoso accidente en Lousame mobilizou esta madrugada numerosos efectivos de emerxencias para liberar a unha muller que quedou atrapada tras envorcar o seu coche.
O sinistro ocorreu entre os quilómetros 2 e 3 da estrada DP-1105, ao seu paso pola parroquia de Tállara. Un particular alertou ao 112 Galicia ás 05.50 horas, informando de que un vehículo quedara envorcado no medio do carril de circulación cunha muller no seu interior.
De inmediato, activouse un amplo dispositivo no que participaron os profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Boiro, o GES de Noia, a Garda Civil de Tráfico e Protección Civil.
Á súa chegada, os equipos de emerxencia comprobaron que a vítima estaba suxeita polo cinto de seguridade, pendurada no habitáculo, e ademais tiña un pé atrapado, o que dificultaba a súa saída. Foi necesario intervir para liberala antes de ser trasladada nunha ambulancia ao centro hospitalario de referencia para recibir atención médica.