O Conservatorio Municipal de Ribeira deu a coñecer este martes a súa ampla oferta de actividades para o terceiro trimestre do curso. A programación foi presentada pola concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, o director do centro, Álvaro López, e o xefe de estudos e profesor de saxofón, José Fungueiriño.
A concelleira destacou o labor do conservatorio, xa que se «están facendo innumerables actividades tanto propias como de colaboración con outros conservatorios, invitando a profesores de fama internacional e facendo unha interesante programación de audicións á que invitamos á veciñanza asistir».
O director do Conservatorio anunciou, por outro lado, o Obradoiro de Preparación para o ingreso no Conservatorio, que está dirixido a nenos de entre 8 e 14 anos e que queiran facer a proba de acceso para cursar estudos oficiais no Conservatorio de Música Profesional de Ribeira no curso 2025/2026.
Curso de preparación para o acceso ao conservatorio / Cedida
Por outro lado, José Fungueiriño presentou os derradeiros encontros da Aula Galega de Saxofón. Comeza esta fin de semana, o sábado 29 e o domingo 30, con tres profesores como son Xabier Casal, Carlos Ordóñez e Roi Barros. O programa continuará en abril con Elisa Urrestarazu e en maio, de novo Xabier Casal e o pianista Takahiro Mita.

Aula Galega de Saxofón en Ribeira / Cedida
Para rematar e tamén coincidindo co encontro de finais de marzo do seminario Aula Galega de Saxofón levarase a cabo esta mesma fin de semana o segundo dos encontros do curso de Seminario de Música Antiga que imparte Paulo Gonçalves.