The Bellrays, rock en Capitol no ciclo especial do 90 aniversario
A Sala Capitol continúa co ciclo especial do seu 90 aniversario, Capitol 1935. Nesta ocasión faino co regreso do grupo de rock estadounidense The Bellrays, que combina coma ninguén garage rock e punk con música soul. A banda foi fundada en Riverside, California en 1990 pola vocalista Lisa Kekaula e o guitarrista Bob Vennum. O concerto comezará ás 19.30 horas e as entradas poden adquirirse na páxina web da propia sala polo prezo de 17 euros máis gastos.
‘Bulevar Papagaio’ revisa a historia dun barrio obreiro
TEATRO. A compañía teatral A Feroz representa na Casa das Máquinas Bulevar Papagaio, un espectáculo que revisa a historia deste barrio obreiro da Coruña a partir do poemario que sobre el escribiu Luisa Villalta e as fotografías coas que o retratou Maribel Longueira. As entradas poden adquirirse por 12 euros en compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C. Ademais, o Salón Teatro acolle unha nova función de A burra, a mesa e o pau ás 18.00 horas. O prezo das entradas é de 6 euros polo Día do espectador e poden comprarse en Ataquilla.
Escena de ‘Bulevar Papagaio’ / cedida
Novo paseo da Banda Municipal e moita música nos bares
CONCERTOS. A Banda Municipal continúa co seu ciclo de paseos ás 12.00 horas no Auditorio de Galicia con entrada gratuita. Nesta ocasión, o programa leva por título Un paseo con acento francés, e inclúe maioría de pezas de compositores desta orixe coa dirección de Casiano Mouriño. Ademais, haberá concertos de Los Vólidos no Riquela (gratis, 13h), Bigornia no Modus Vivendi (entrada inversa, 20h), Sumrrá na Casa das Crechas (10 euros, 20h), Mister Cool no Camalea (5 euros, 20.30h), e Alfredo Löb no Arume (entrada inversa, 21.30h).
Monólogo de Iggy Rubín no Riquela Club
COMEDIA. Iggy Rubín, monologuista e guionista do programa La Revuelta, entre outras facetas, actuará hoxe ás 19.00 horas no Riquela Club. Chega á sala compostelá co espectáculo Ya lloraréis, no que garantiza «humoradas, cotilleos picantes y acrobáticas reflexiones». As entradas poden adquirirse por 16,80 euros na páxina web de Ataquilla.