O recinto feiral da Estrada acolle este domingo a última xornada da dobre cita que se celebra nas súas instalacións: a Feira de Oportunidades do Comercio e a Feira de Antigüidades.
Ambas as dúas pecharán ás 20.00 horas cun sorteo de lotes promocionais no que onte foron agraciados Alberto Barcala, Pablo Cuña, Ana Lucía de Moura, Jacobo Budiño, José Pereira, Rosa Méndez, Rosario Rodríguez, Martín Rodríguez e Victoria Vázquez. O sorteo final tamén será público e terá lugar no pavillón número 5.
Descontos, saldos e prezos especiais en electrodomésticos, decoración, mobiliario ou roupa e calzado están a provocar unha gran afluencia de público ao recinto feiral, que conta cun parque infantil patrocinado polo Concello.
Na Feira de Oportunidades véndense dende colchóns a 200 euros ata sofás por 300 euros, pasando por pezas de roupa a partir dos 5 euros, calzado dende 10 euros, xoguetes a partir dos 2 euros e ata coches que non superan os 9.990 euros.