Os presidentes de Plademar, Rogelio Santos, e da Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, rexistraron este venres un escrito na oficina da Valedora do Pobo con documentación das solicitudes realizadas a Augas de Galicia nos 2023 e 2024 reclamando un protocolo que regule o baleirado dos encoros e que tiveron como resposta «o silencio administrativo, sen que se tomara ningunha das medidas solicitadas», sinalan.
«Os colectivos do mar das rías de Arousa e Muros-Noia vimos padecendo periodicamente sucesos de avalanchas de auga doce procedentes dos encoros, que acontecen coincidindo con episodios de intensas choivas. Estes desencoros realízanse por parte das empresas concesionarias, sen previo aviso, sen coincidir coa marea chea e aportando volumes moi importantes de auga doce en pouco tempo», explican.
Ambos colectivos sinalan que «esta realidade repítese desde hai moito tempo a pesares de telo denunciado publicamente en repetidas ocasións e, ano tras ano, produce a mortaldade masiva de bivalvos na zona intermareal e unhas perdas económicas importantes para o conxunto das mariscadoras».
«Desde hai uns anos remitimos a Augas de Galicia escritos denunciando esta situación e reclamando a actuación deste organismo dentro da súa area competencial. Os últimos escritos (dos que temos constancia) enviámolos en febreiro e outubro de 2023 e en outubro de 2024. Augas de Galicia nunca nos contestou aos escritos remitidos por este motivo, pero, ademais de ignorarnos, tampouco toma ningunha medida para solucionar o problema», denuncian.
Por iso, Plademar e a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa solicitan a intervención da Valedora do Pobo, ao entender que se están conculcando «os nosos dereitos cidadáns».