O BNG de Rianxo tivo coñecemento a través de varios veciños da apertura dunha investigación (procedemento de comprobación limitada), «que supón unha modificación da situación actual dos accesos á vía pública dende os garaxes».
«Aínda que supostamente se circunscribe a unhas poucas rúas, nada impide que a partir de agora queiran cobrar non só pola reserva de espazo (vaos) para comezar a cobrar polo mero feito de poder acceder, haxa ou non reserva de vado», explican dende o BNG.
A formación, que pedirá paralizar o proceso, considera que se trata dunha nova interpretación da ordenanza vixente e que «non se estaba aplicar con esta amplitude que se pretende facer agora: que todo garaxe, teña ou non vao, tería que pagar por poder acceder». O BNG non está de acordo con ese criterio.
«Entendemos que non van quedarse só nas 4 rúas, senón que se ampliará a interpretación do Goberno de Rianxo en Común a todo o concello», engaden. O Bloque cre que «queren obrigar a pagar con 4 anos de atraso, nunha manobra de recadación arbitraria e inxusta. A veciñanza non ten por que saber que o Goberno cambiou o criterio de interpretación e pretenda cobrar aos garaxes teñan ou non vaos polos que xa pagan, e menos que para iso queiran ir 4 anos atrás».
O BNG mantivo unha xuntanza o pasado domingo coa veciñanza afectada e comprometeuse a presentar unha moción «para paralizar o proceso iniciado por Rianxo en Común de reinterpretar a ordenanza sen contar coa aprobación plenaria».
A formación acusa ao Goberno de iniciar «pola porta de atrás un procedemento seica limitado a unhas poucas rúas (supoñemos que para non alarmar a donos de moitas vivendas, pois o resto virá detrás) e ademais ir catro anos atrás en concepto duns supostos atrasos nunca comunicados aos propietarios».
«Dita ordenanza fiscal foi aprobada inicialmente en 1998, e dende aquela a súa forma de xestión é a recollida no citado artigo 11, é dicir: a concesión do dereito de vao está condicionada á previa solicitude e correspondente autorización administrativa», explican dende o Bloque.
«Coas notificacións de comprobación limitada enviadas aos veciños do concello entendemos que o que se está a facer é a cambiar sen previo aviso as normas de xestión e a natureza do feito impoñible desta ordenanza, causando un prexuízo grave aos veciños e veciñas afectadas», engaden.
Neste senso, a moción nacionalista demanda a paralización dos procedementos de comprobación limitada relacionados coa ordenanza fiscal nº12 de entrada de vehículos e que se convoque a comisión de Economía e Facenda ao obxecto de tratar sobre o envío das referidas notificacións aos veciños do concello mantendo o sentido que tiña ata agora e sen novas interpretacións «máis gravosas para a veciñanza».