O goberno local de Camariñas elaborou unha proposta de orzamento para 2025 centrada en tres liñas fundamentais: carácter social, tratando de por en marcha novos programas; aposta por novos investimentos; e o impulso das actividades e festas culturais para dinamizar a economía.
O documento, que será debatido no pleno do luns 24 de febreiro, ascende a 6.075.062,22 euros, aumentando en 227.244,48 euros con respecto ao último orzamento aprobado.
No apartado dos servizos sociais auméntase a partida, pasando de 817.415,16 euros no 2024 a 988.579,82 euros para este ano. Ademais, as áreas de gasto correspondentes aos servizos públicos básicos ascenden a 2.282.754,87 euros, o que supón un 37,58% do orzamento total.
Séguese mantendo o orzamento destinado á Mostra do Encaixe «co obxectivo de continuar cos esforzos por situar Camariñas como destino turístico e pór en valor aquilo que nos diferencia e as nosas tradicións como pobo», subliña a alcaldesa, Sandra Insua. Ao mesmo tempo, engade, «o goberno local considera que a súa realización supón un beneficio económico para os locais comercios do municipio».
No anexo de investimentos refléxanse actuacións «moi demandadas e necesarias para a veciñanza, facéndose un gran esforzo por mellorar as infraestruturas», subliña a rexedora. Destaca a aportación para a construción do Museo dos Naufraxios, o proxecto da segunda fase da senda peonil a Lingunde, o arranxo e melloras de rúas no lugar do Allo, a mellora de parques infantís, a pista polideportiva no Areal, e o peche das pistas polideportivas de Ponte do Porto, Santa Mariña, Xaviña e Camelle, entre outras. A totalidade dos investimentos ascende a 988.579,83 euros.
A alcaldesa, Sandra Insua, explica que «as contas do ano 2025 supoñen un novo paso para cumprir os obxectivos que nos fixamos, tendo como prioridade seguir apostando polos servizos sociais, priorizando os nosos maiores e as persoas máis vulnerables. En definitiva, apostar por seguir mellorando o noso concello».