Tralo anuncio de Ferraz da expulsión definitiva do PSOE dos catro edís díscolos de Santiago, os socialistas veñen de emitir un comunicado no que aclaran que o grupo municipal «non experimentará cambio algún na súa composición«, pois a resolución feita pública hoxe «non é firme» e contra ela cabe «un recurso ante a Comisión Federal de Ética e Garantías nun prazo de dez días hábiles».
Recordan, así, que o informe técnico-xurídico elaborado pola Secretaría Xeral do Pleno da Corporación, do 24 de xaneiro de 2025, di claramente que «non terán a condición de ‘non adscritos’ os concelleiros que non fosen sancionados coa expulsión firme do partido ou formación política cos que concorreron ás eleccións”.
Devandito informe engade tamén que “admitir a posibilidade de que a decisión disciplinaria non firme ou temporal dunha formación política afectase á organización dunha Administración territorial como son os concellos suporía deixar á vontade dos partidos políticos a afectación ao funcionamento desa Administración, obviando a súa configuración constitucional e legal”.
«Non ten efectos organizativos»
O grupo socialista volve a reiterar que a resolución non é firme e, como consecuencia, «non ten efectos organizativos no que se refire ao funcionamento normal do Concello de Santiago e do Grupo Municipal Socialista».
Desta forma, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez «seguirán sendo concelleiras adscritas a este grupo», namentres que Gonzalo Muíños seguirá sendo o seu portavoz.
Aclaracións
No comunicado, os socialistas aproveitan ademais para aclarar diversas cuestións.
Entre elas, inciden en que o expediente de expulsión provisional, que agora se elevou a definitivo, «nada ten que ver con aqueles primeiros expedientes nos que se cuestionaba a votación da ordenanza relativa ás Vivendas de Uso Turístico«. Así, segundo explican, trátase dun novo expediente que «segue un proceso sumarísimo, baseado única e exclusivamente pola non asistencia das concelleiras a unha reunión convocada por Gumersindo Guinarte«.
Unha convocatoria, a que definen como «nula de pleno dereito«, ao ser convocada «por quen non ostentaba a condición de portavoz municipal» e por excluír da mesma ao seu «lexítimo portavoz».
Seguidamente, e atendendo «aos feitos e a súa cronoloxía«, a polémica xerada en torno a votación da ordenanza das VUTs é, segundo o grupo, «unha cortina de fume».
Aluden, así, que o que se escondía detrás desa cuestión era a vontade «pouco democrática» de modificar «arbitrariamente» aos representantes institucionais no Concello de Santiago.
Finalmente, o grupo municipal socialista reafírmase na súa vontade de seguir «traballando con lealdade e coherencia» coa veciñanza de Compostela, informando ademais que esgotarán todas «as vías de defensa» coas que poidan contar.