O Auditorio de Vimianzo consolídase como residencia artística neste 2025 acollendo a produción de Sol Fuerza, da compañía aAntena, baixo a dirección de Xosé Leis. Ata finais de marzo, servirá como espazo de traballo e experimentación.
Sol Fuerza, entre a mentira e a verdade, transpórtanos aos anos 90, cando Heliodoro Vicente soñaba cun futuro brillante, no que a enerxía do sol substituía ao petróleo. Mais a sorte é caprichosa e cando non chove, o toxo prende lume, apagando o soño antes de comezar. Pero a historia non comeza aí, xa que nos anos 50 un home chamado Filek recorreu España vendendo auga do río coma se fora petróleo, chegando incluso a enganar a Franco. Mentres, nas aldeas, continuaban esperando un milagre.
Xa no presente, entre muíños de vento, placas solares e promesas ecolóxicas, a compañía deixa caer unha pregunta ante o público: progreso ou colonización? A historia repítese, as respostas complícanse e eles continúan preguntando: é isto o futuro ou unha mentira ben contada? Diferentes dúbidas que farán reflexionar ao público no que a propia compañía define coma «un soño teatral» no que se mestura verdade, mentira e moita identidade galega.
A obra está protagonizada por Manu Fernández, Virxinia Bermúdez e Lucía Veiga, quen está nomeada aos premios Goya 2025 na categoría de Mellor actriz revelación polo seu papel en Soy Nevenka, o que engade un gran atractivo á produción.
Vimianzo reafirma con esta nova residencia artística o seu compromiso coa cultura e o teatro. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, a concelleira de Benestar Social, María José Pose, e a técnica de Cultura, Nieves Lema, visitaron aos integrantes do equipo para coñecer de primeira man o desenvolvemento da obra.
A estrea terá lugar o 22 de marzo. Ademais, o día previo haberá unha preestrea dirixida ao alumnado do IES Terra de Soneira, co que se pretende achegar o teatro ás novas xeracións.
A rexedora trasladoulle aos participantes que «é un orgullo poder ser un ano máis o berce dunha creación escénica deste nivel. Estamos encantados de acoller a vosa produción e apoiala de todas as maneiras que poidamos».