O alumnado de 3º da ESO do IES Maximino Romero de Lema, de Zas, foi distinguido co premio na modalidade de vídeo do concurso nacional Unha Constitución para todos, convocado polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
Este galardón recoñece o traballo presentado na materia de Educación Dixital, coordinado polos profesores Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, do Departamento de Informática. O proxecto galardoado consistiu na creación dun vídeo creado mediante traballo colaborativo con metodoloxía por proxectos, no que figuras clave da historia de España dan voz a artigos da Constitución, establecendo unha conexión entre os seus logros e os valores constitucionais que nos inflúen a todos.
A iniciativa destacou pola súa creatividade e pola implicación activa de todo o grupo da materia de Educación Dixital de 3º da ESO. A entrega do premio tivo lugar esta xoves na sede do Ministerio de Educación.
A alumna Leticia Vázquez Castiñeira, en representación da clase, recibiu o galardón acompañada polo seu profesor de Educación Dixital, Óscar Manuel Rey Calo.
Ademais do acto de entrega, o grupo realizou unha visita ao Congreso dos Deputados, onde todos os gañadores puideron coñecer en detalle o lugar onde se aprobou a Constitución de 1978, enriquecendo así a súa experiencia formativa sobre a Carta Magna.
Este recoñecemento supón «un gran orgullo» para o IES Maximino Romero de Lema, que consolida así o seu compromiso coa innovación educativa e o traballo colaborativo, destacando o valor da escola rural galega para a educación pública.
Os alumnos participantes no traballo premiado son: Nuria Camafreita Miñones, Artsiom Davydzionak Davydzionak, Sabela Lema Caamaño, Alfonso Martínez Martínez, Manuel Martínez Martínez, Sara Mira Méndez, Joel Rellán Castro, Olalla Suárez Pastoriza, Leticia Vázquez Castiñeira e Ángela Vázquez Vilela.
Esta edición, que estrea formato, contou con 12 gañadores en distintas categorías e con traballos realizados en distintos formatos, todos eles relacionados coa importancia da nosa
Carta Magna.
O acto estivo presidido polo secretario de Estado de Educación, Abelardo de la Rosa, quen destacou a calidade dos traballos premiados e as ideas, a creatividade e o compromiso dos estudantes gañadores “cos valores que nos unen como sociedade”.
“As liberdades renacen nas aulas. Coñecer, vivir e sentir a Constitución nas aulas fortalece os valores democráticos”, sinalou o secretario de Estado na súa intervención. “O compromiso para educar en liberdade, en democracia, é dicir, nos valores fundamentais da Constitución, é imprescindible”, engadiu.
O concurso, que celebra o Ministerio desde 2015, ampliouse este ano para incluír outros formatos máis aló dos textos en prosa ou verso que se premiaban tradicionalmente. Nesta edición, ademais, podíanse presentar proxectos realizados coa linguaxe de programación Scratch e en vídeo.
Ao acto, que clausurou o cuarteto de corda do Conservatorio Profesional de Música Amaniel, asistiron tamén o subsecretario de Educación, Formación Profesional e Deportes, Santiago Roura; a directora xeral de Evaluación e Cooperación Territorial, Mónica Dominguez; o presidente da Comisión de Educación, Formación Profesional e Deportes do Congreso, Guillermo Hita Téllez; o director xeral de Educación Infantil, Primaria e Especial da Comunidade de Madrid, Juan Alberto Gutiérrez Romero; e o inspector central de Educación de Castela e León, Paulino Martín Seco.