A Asociación Medioambiental de Niveiro e a Plataforma Niveiro Veciños convocaron para este venres día 24 ante a casa consistorial de Val do Dubra unha nova mobilización en contra do proxecto do vertedoiro a ceo aberto que se proxecta nas instalacións da antiga canteira deste lugar.
Desta vez, os promotores da protesta animan aos veciños a acudir á mesma «con cazolas, tixolas e outros utensilios» co obxectivo de poder deixar ben patente «o seu rexeitamento ao proxecto e defender os seus intereses» contrarios á instalación de dito vertedoiro.
A concentración está prevista para as sete e media da tarde deste venres. Será un acto simbólico previo á reunión informativa aberta á veciñanza que se celebrará xusto despois da protesta para tratar o estado actual do proxecto.
Nese encontro participarán representantes do Concello de Val do Dubra, da asociación ecoloxista Adega e da empresa que está encargada de elaborar as alegacións municipais ao vertedoiro de Niveiro.
Así pois, estes técnicos tamén explicarán o estado de tramitación e cales serán os pasos a seguir nun futuro, ademais de facilitar aos veciños interesados un modelo de alegacións individuais para expresar a súa disconformidade co vertedoiro.
O pasado 14 de xaneiro deu comezo o prazo de trinta días hábiles para alegar en contra dun proxecto en fase de exposición pública e que, de tramitarse, regulará a rehabilitación, peche e abandono da antiga explotación mineira de Pedra Facha.