Cee estará, un ano máis, na Feira Internacional de Turismo (Fitur), onde o 23 de xaneiro ás 16.45 horas, a alcaldesa, Margarita Lamela, recibirá o distintivo que acredita a Cee como Destino Turístico Inteligente, de mans da secretaria de Estado de Turismo e presidenta de Turespaña, Rosario Sánchez Grau, e do presidente de Segittur, Enrique Martínez.
Será o primeiro municipio da provincia da Coruña en recibir este distintivo, recoñecemento que en Galicia so posúen o Concello de Lugo e a Mancomunidade de Barbanza-Arousa.
Ese mesmo día no stand de Turespaña, terá lugar a presentación da campaña Cee, destino natural, a través da proxección dun video promocional «onde se mostra a parte máis natural do noso concello», afirma a rexedora.
Un audiovisual que amosara todos os valores e recursos de Cee: Mar de Ardora, auroras borales, Vía Láctea, solpores, mar, praias de Estorde, Gures, Ameixenda e Lires, Caneliñas- último bastión baleeiro de Europa-, ornitoloxía, muíños, auga, primeira fiestra ao mar no Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía, Camiño dos Faros, Volta de Gloria, patrimonio, cultura, tradición, gastronomía, xente, alma, calma, maxia …. baixo o lema Soñaches algunha vez. Todos os teus soños están en Cee.
Cee tamén participará nas presentacións de Costa da Morte Asociación de Turismo (CMAT), que agrupa aos 17 concellos desta franxa atlántica, que se promocionará como Costa da Morte, naturalmente salvaje; e Fisterra-Muxía o camiño que remata no mar, da Asociación dos Concellos de Camiño Fisterra-Muxía.
E o venres, día 24, ás 14.00 horas, a alcaldesa de Cee presentará xunto cos alcaldes de Carnota, Dumbría, Muros, e o presidente da Asociación da Ría de Muros-Noia, a Volta de Gloria, o primeiro itinerario cultural e paixasístico circular baseado en dúas rutas xacobeas, cuxo percorrido comeza en Cee, concretamente no Santuario da Virxe da Xunqueira, e bordea a costa ceense polo paseo marítimo, Brens, Ameixenda, Caneliñas e Gures ata chegar ao Ézaro (Dumbría), para continuar polo resto dos municipios.
Ademais da alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, tamén viaxará a Madrid a concelleira de Turismo, Luisa Rodríguez.